O PP pretende vender un Porriño de fantasía
Un novo anuncio grandilocuente do Alcalde asegura que, proximamente, a Xunta creará dúas novas escolas infantís no Porriño. Desde o BNG preguntámonos con que financiamento e en que prazos de execución.
Nos dous anos que leva de Alcalde, Alejandro Lorenzo prometeu, en colaboración co goberno do PP na Xunta: un centro de día en Atios, unha residencia de maiores en Budiño, un refuxio para animais, un gran parque no río Louro, unha nova praza en Pío XII, melloras na Praza de Abastos ou un novo auditorio. De momento ningunha realidade. Recén chegado á Alcaldía, reuniuse coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para anunciar unha partida de 3 millóns de euros para a retirada dos restos de lindano en Torneiros, da que tampouco se sabe nada.
A realidade é que nos últimos 15 anos non houbo –máis alá da ampliación do Centro de Saúde, proxecto iniciado xa co BNG no goberno galego e local pero que a Xunta non quixo materializar até que o PP alcanzou a Alcaldía, sen incremento de persoal sanitario nin novas especialidades médicas– un só investimento da Xunta no Porriño. Foi co BNG no goberno bipartito (2005-2009), cando se investiu por última vez en materia social no noso concello: coa construción de vivenda pública e dun Centro de Día en Torneiros, e dunha Escola Infantil na rúa Doantes de Sangue, no centro da vila.
“O PP sempre utiliza as institucións de xeito electoralista e partidista. Unha estratexia usada habitualmente polo Alcalde, moito anuncio, pouca realidade. Facer promesas agora despois de 15 anos de abandono total da Xunta é un insulto á cidadanía do Porriño”, asegurou o portavoz do BNG, Pedro Pereira.
Somos un concello con crecemento de poboación e rachamos a tendencia galega ao presentar un número de nacementos dos máis considerables do país. É evidente a necesidade de escolas infantís con prazas suficientes para que todas aquelas familias que o precisen ou queiran poidan ter un lugar onde levar as súas fillas e fillos e que estas sexan atendidas por profesionais cualificadas e cualificados. Leva anos sendo unha proposta do BNG aos orzamentos da Xunta rexeitada sistematicamente polo PP.
Esta é unha esixencia xusta, como o son moitas outras necesidades que ten o Porriño. Pero non é serio estar a anunciar cada semana un novo proxecto estrela sen máis sustento ca o propio anuncio dunha infografía. Un goberno local solvente debería traballar nun plan de investimentos con prioridades e convenios coas administracións coas que se conta asumir o financiamento. Precisamos dun goberno serio que non engane a cidadanía. “O PP ten medo a perder a Xunta e está instalado nunha campaña de propaganda política e mentiras. A cidadanía do Porriño vai ter oportunidade o vindeiro 18 de febreiro, concentrando os apoios no BNG, de castigar esta forma de entender a política e abrir un tempo de cambio no noso país”, concluíu o portavoz do Bloque.