O BNG denuncia discriminación da Xunta co Porriño
Acusan a Alejandro Lorenzo de non defender ante Alfonso Rueda os intereses do municipio. O Bloque presentou emendas aos orzamentos da Xunta 2023 nas que se solicitan distintas inversións para O Porriño
Cando o Bloque gobernou na Xunta e no Porriño no período 2005-2009, construíronse a escola infantil da rúa Doantes de Sangue ou o centro de día de Torneiros. Co PP na Xunta non se investiu un só euro para facer mellorar a conciliación ou a atención das persoas dependentes. Na actualidade, fanse necesarias máis prazas públicas de gardería no municipio e precísase un novo centro educativo no centro urbano ou a reforma integral do CEIP Fernández López, construído nos anos 70 e hoxe obsoleto.
Humanizacións, infraestruturas e mobilidade
O BNG reclama a humanización das rúas Bos Aires e Progreso. Na actualidade hai xa unha variante para o tránsito cara Gondomar e deberían soportar exclusivamente tránsito local. Solicitamos tamén melloras en seguridade viaria e construción de beiravías para peóns na Vacaría e na estrada vella a Salceda de Caselas, en Budiño. Pedimos tamén da Xunta avances no compromiso adquirido para construír un novo acceso que comunique directamente a PO-510 coa autovía, unha estrada que soporta unha alta densidade de tránsito para acceder aos polígonos industriais do Porriño e tamén para acceder a A55 cara Portugal, Vigo e Pontevedra, e que soporta , en horas punta, importantes atascos de circulación. En materia de infraestruturas vemos necesario executar tamén un novo colector para a recollida de pluviais que solucione os problemas de desbordamentos que se producen nos días de moita chuvia nos colectores do centro urbano.
Lindano e liñas de alta tensión
Reclamamos inversións para descontaminación de lindano no Contrasto, en Torneiros. Esta demanda xa é histórica e precisa dun impulso e de contías concretas nos orzamentos da Xunta. Outra vella demanda da veciñanza é a eliminación das liñas de alta tensión en Atios e Torneiros. Volvemos a solicitar o seu soterramento. Non cumpren coa altura estipulada pola normativa actual, sobrevoan unha zona natural e de lecer na contorna do Louro e pasan moi preto dos bloques de vivendas da Fase V do IES Ribeira.
O portavoz do BNG lamenta a falta de compromiso do goberno do PP na Xunta co Porriño. “Existen importantes deficiencias na localidade en materias que son da súa directa competencia que levan anos sen atender. Somos conscientes que non todo se pode facer a un tempo pero no BNG coñecemos as necesidades do Porriño e pómolas enriba da mesa” sinalou Pedro Pereira, quen quixo destacar a falta de peso político do Alcalde para demandar inversións da Xunta. “Alejandro Lorenzo parece máis interesado en pedir cartos para festas que en reclamar ante os seus recursos para dar solucións aos problemas do Porriño”, concluíu.