O BNG ataca o PP do Porriño pola súa xestión nas políticas de igualdade

No último pleno, o BNG do Porriño solicitou un acordo para instar a Xunta de Galicia a crear unha Valedoría de Igualdade e un Consello Municipal da Muller no Porriño. O debate valeulle á forza nacionalista para denunciar a xestión do PP: neglixente, sen diálogo e que só busca propaganda.
Ante a proximidade do 8M, o BNG do Porriño presentou no último pleno unha moción centrada na creación de ferramentas que salvagarden a igualdade dunha forma eficaz a nivel galego e local. A forza nacionalista propuxo que a corporación local instase a Xunta de Galicia a crear unha Valedoría de Igualdade. “Sería un grande avance impulsar unha figura próxima á cidadanía para atender as situacións que atentan cara á igualdade real, un organismo público independente que vele polo cumprimento de dereitos xa recoñecidos na lexislación”, afirma Míriam Martínez Troncoso, concelleira do grupo municipal do BNG.
A nivel local, o bloque solicitou a creación dun Consello Municipal da Muller do Porriño. Os consellos municipais son órganos consultivos e independentes formados por diferentes colectivos de mulleres que velan polo cumprimento da igualdade nas actuacións municipais, ademais fomentan o asociacionismo entre mulleres. “Este organismo sería unha boa fórmula para que o PP entrase na senda do consenso cos axentes sociais; desde o concello, Lorenzo emprega a súa ampla representación institucional para gobernar sen contar con ninguén e non admite críticas”
O PP convoca en 2025 unha Mesa Local de Violencia de Xénero co mesmo formato que empregaba Nelson Santos hai quince anos formada basicamente pola Policía Local, Garda Civil, o goberno municipal e o CIM; representa un modelo de coordinación obsoleto que dista moito de ser un espazo representativo da sociedade actual.
A mesma imposición do criterio único fixo que o goberno local presentase o V Plan de Igualdade sen contar coas restantes forzas políticas nin co tecido asociativo local. Neste caso o autoritarismo do señor alcalde deixou en evidencia Concelleira de Igualdade que se comprometera no pleno a facerlles chegar ás forzas da oposición un borrador do documento para aportar suxestións. “Outra vez, o PP do Porriño traballou de cara á foto e de costas á cidadanía, perdendo a oportunidade de facer un traballo cooperativo e deixando claro que non acredita na democracia participativa. a concelleira de Igualdade estaba ausente, pero “sorprende que fose o portavoz Carlos Martínez e non algunha concelleira do PP a que interviñese no pleno para defender a posición do PP en igualdade” resalta Martínez Troncoso.
A incapacidade de chegar a acordos e coordinarse cos axentes sociais é a razón de que o percorrido da manifestación que convoca a MMM da Louriña para o vindeiro 8M teña que modificarse por segundo ano consecutivo. Non parece casual que o goberno volva a programar ese día á mesma hora, ocupando o espazo público de onde arranca tradicionalmente a manifestación. O colectivo feminista considera as restricións impostas a evidencia de que Alejandro Lorenzo tenta expulsar do centro da vila a manifestación do 8M.
O BNG denunciou tamén no pleno a forma de presentar o aumento das consultas ó CIM “A apertura de oitenta novos expedientes son un dato alarmante do que o goberno local non fixo máis lectura de que existe nun maior coñecemento do recurso, sen avaliar variables socio-demográficas nin propor medidas de actuación para paliar esta tendencia. É unha actitude desacertada”.
Do mesmo xeito, a perda dunha subvención europea para a creación dun centro provincial de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero é un erro de xestión gravísimo. “Toda a provincia perdeu esta instalación crucial pola insistencia de Alejandro Lorenzo de que se construíse no Porriño, cando non cumprían os requisitos para facelo. Prioriza a foto nos medios por riba dos intereses da cidadanía”.