O BNG do Porriño pide a Lorenzo valentía para peonalizar as rúas Pío XII e Manuel Rodríguez
Humanizar estas vías é fundamental para agrandar o centro da vila; só eliminando o tráfico rodado se lle da protagonismo real ás persoas.
O goberno local está a executar a primeira fase da reforma da contorna do Centro Social que inclúe a conexión entre as rúas Pío XII e Antonio Palacios. “O goberno do PP desaproveita a oportunidade que a propia obra lle brinda para eliminar o tráfico de vehículos no centro da vila e reordenar a circulación no centro”, indicou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.
A forza nacionalista defende un modelo de vila no que se gañen espazos abertos para as persoas, pero recoñece que esas actuacións requiren un estudo máis meticuloso da política en materia urbanística e o goberno de Lorenzo é mais partidario das intervencións curtopracistas sen moita planificación e que lle permitan inaugurar varios proxectos en pouco tempo. A obra do Campo da Feira é un claro exemplo dunha inversión moi alta que case non modifica o espazo sobre o que actúa e por riba mantén problemas de mobilidade.
Ao dar prioridade peonil nas rúas Manuel Rodríguez e Pío XII, e conectar Pío XII con Antonio Palacios, permitiríase comunicar a pé o corazón da vila (manteríase a circulación só para acceso de transportistas, emerxencias e persoas residentes) É decepcionante non dar continuidade natural ás humanizacións feitas polo BNG, para mellorar a vida da veciñanza e dinamizar a actividade do comercio local, que sempre se beneficia destas actuacións.
“O PP sempre se negou a peonalizar e o goberno de Alejandro Lorenzo non é unha excepción. A vila medra e as novas obras son a oportunidade ideal para abrir novos espazos pero o alcalde Lorenzo non o fai nin coa comodidade de gobernar con maioría absoluta. As humanizacións no Porriño só avanzan da man do BNG”, sinalou Pereira, lembrando a transformación do centro e as peonalizacións dos barrios de San Bieito e Aloques durante o goberno do Bloque con el mesmo como responsábel da área de Urbanismo.