Detéctase un novo vertedoiro ilegal nas Gándaras de Budiño

O BNG denuncia a existencia dun vertedoiro ilegal de rodas nas Gándaras de Budiño e advirte desleixo na política ambiental do PP do Porriño.

Detéctase un novo vertedoiro ilegal nas Gándaras de Budiño

As Gándaras de Budiño son unha zona de especial protección ambiental, mais tamén son reiteradas as agresións que esta contorna está a sufrir. O último exemplo disto é a aparición dun vertedoiro de rodas que non deixa de crecer.

O vertedoiro sitúase a poucos metros do Camiño Portugués e nun Hábitat de Interese Prioritario, que ten a máxima protección ambiental, por ser un dos escasos “bosques asolagados” que ten o noso territorio. Este vertedoiro de rodas ocupa unha extensión linear de 100 metros. Ademais, é utilizado como valado para delimitar unha finca, incumprindo a lexislación vixente.

O goberno de Alejandro Lorenzo foi informado polo concelleiro Marcelo Rodriguez mais a resposta está a ser a inacción ambiental. Os neumáticos son residuos altamente contaminantes con metais pesados como o cadmio, chumbo ou cinc, substancias procedentes dos hidrocarburos e aceites minerais, que, acumulados en vertedoiros, contaminan o solo, os acuíferos, que son a base da auga potábel das poboacións, e afectan as especies vexetais e animais.

O BNG leva advertindo o goberno de Alejandro da súa deixadez nas funcións ambientais. Hai xusto dous anos, o PP publicaba nas redes o seu compromiso e contundencia á hora de eliminar os vertidos ilegais que había no concello. “Encontrámonos ante unha nova promesa incumprida de Alejandro Lorenzo, a súa política baséase no anuncio mediático, pero, á hora de actuar, dependerá de quen ten en fronte e de cal sexa o obxectivo. É evidente que a protección do medio non é unha prioridade deste goberno”, advirte Marcelo Rodríguez, concelleiro nacionalista.

Detéctase un novo vertedoiro ilegal nas Gándaras de Budiño