Aprobada a moción do BNG para instar á Xunta de Galiza a sinalar pasos de peóns na Vacaría e en Vilafría

O BNG presentou no pleno deste mes de decembro unha moción para mellorar a seguridade viaria en Budiño

Aprobada a moción do BNG para instar á Xunta de Galiza a sinalar pasos de peóns na Vacaría e en Vilafría

As estradas autonómicas PO 510 e PO 407, ao seu paso polo concello do Porriño, atravesan varios núcleos de poboación na parroquia de Budiño e unha zona industrial en Atios. Durante mais de 6 km non hai máis ca un único paso de peóns (no colexio da Cruz en Budiño) que permita as persoas cruzar á outra beira da estrada sen arriscar a súa seguridade.

Son dúas estradas autonómicas das máis transitadas de Galiza e, ao atravesar zonas residenciais, a necesidade de cruzar para a outra beira é continua, para facer distintas actividades: traballar o campo, ir traballar aos polígonos industriais, facer a compra, ir ao colexio etc.

A Consellería de Infraestruturas está a construír unha senda peonil na marxe esquerda, sentido ascendente na Vacaría, e ten pendente de executar outra na marxe dereita, nos barrios de Mantelle e Picouzo. A pesar de ser obras acabadas de planificar, estas non contemplan novos pasos de peóns, algo inconcibible para a veciñanza que leva anos alertando á administración da inseguridade viaria que isto provoca.

A mesma necesidade repítese para as persoas que queren ir traballar ao polígono da Granxa desde a parroquia de Atios. Non hai ningún paso de peóns, nin paso elevado ou soterrado, que permita cruzar á outra beira con seguridade.

Este mércores o BNG conseguiu que o goberno local recoñecese esta xusta demanda e a corporación municipal acordou trasladar á Xunta de Galiza a sinalización horizontal e vertical de pasos de peóns nos barrios de Picouzo e Mantelle na PO-407, no barrio da Vacaría na PO 510 e no barrio de Vilafría na PO-510.

“Estaremos atentos ao cumprimento por parte da Xunta de Galicia do acordo que hoxe tomou a corporación municipal. A veciñanza de Budiño e Atios leva demasiado retraso na mellora viaria destas dúas estradas” di Pedro Pereira o Portavoz do grupo municipal.

 

 

Aprobada a moción do BNG para instar á Xunta de Galiza a sinalar pasos de peóns na Vacaría e en Vilafría