A modernización do CEIP Fernández López e melloras no transporte público do Porriño son reclamacións novamente esquecidas pola Xunta de Galicia

O BNG do Porriño incluíra nas emendas ó presuposto da Xunta estas dúas melloras. A forza nacionalista lamenta que estas demandas sigan sen ser consideradas polo goberno de San Caetano, pois o PP acaba de rexeitar a totalidade de emendas formuladas pola oposición.

A modernización do CEIP Fernández López e melloras no transporte público do Porriño son reclamacións novamente esquecidas pola Xunta de Galicia

O BNG do Porriño incluíu, como proposta de emenda ós presupostos da Xunta de Galicia, a actualización do CEIP Xosé Fernández López, sito no casco urbano. “Este é un edificio de case 50 anos. Como é de imaxinar, presenta grandes deficiencias para o adecuado acollemento das nenas e dos nenos: hai problemas de illamento térmico, de insonorización ou de iluminación que xustificarían o investimento autonómico ben para a súa corrección ou ben para a construción dun novo edificio”, indican dende a forza nacionalista.

As deficiencias no transporte público no Porriño tamén son responsabilidade do goberno autonómico, por iso era outra das emendas presentada polo BNG. No último ano, o BNG denunciou no pleno da corporación e nos medios de comunicación estas deficiencias: “Hai un número insuficiente de prazas de autobús para cubrir a demanda das persoas usuarias da liña que une o  casco urbano porriñés con Vigo, especialmente na primeira hora da mañá. E a Xunta segue a ver para outro lado, é a súa obriga dar resposta ás necesidades de mobilidade denunciadas polas persoas usuarias de distintos servizos ou liñas” afirma o concelleiro Marcelo Rodríguez.

Tamén son insuficientes as prazas no transporte escolar para o estudantado das ensinanzas non obrigatorias. “Esta situación levámola ó pleno, vía moción, o curso pasado, pero segue sen solucionarse. É evidente que esta situación discrimina ao alumnado de bacharelato ou de Ciclos que vive nas distintas parroquias do noso concello” declara o concelleiro nacionalista. Outra reclamación relacionada co transporte público é a necesidade de conexión coa área industrial. “É un polo de atracción dun gran número de traballadoras e traballadores que non teñen acceso a este servizo básico, coas consecuencias que significarían para o medio e para a liberación de tráfico dunha zona conxestionada”.

Outras emendas propostas polo BNG atinxen asuntos cruciais, segundo a forza nacionalista, para a xestión do concello. Refírense a esixencias de melloras na asistencia sanitaria, na protección do Louro, en infraestruturas de responsabilidade autonómica ou a creación dun recolector pluvial para a zona da Avenida de Galicia que evitara posibles inundacións.

O BNG laméntase de que, novamente, a falta de altura política do PP o leve a rexeitar todas as emendas que lle foron presentadas pola oposición, sen facer unha valoración seria de cada unha delas e da súa idoneidade. Dende o BNG recordan que “no Porriño comprobamos como durante moito tempo a Xunta non investiu o que debería no noso concello, por puro cálculo partidista; pero, tampouco agora se da unha resposta seria ás problemáticas reais da nosa vila”.

A modernización do CEIP Fernández López e melloras no transporte público do Porriño son reclamacións novamente esquecidas pola Xunta de Galicia