O BNG acusa a Lorenzo de querer hipotecar o futuro do río Louro

O goberno do PP pretende alterar a canle do río Louro. O BNG denuncia que con esta nova intervención no principal río do Porriño e nun dos escasos espazos naturais que hai na vila,  Alejandro Lorenzo afástase cada vez máis do cumprimento da protección acordada por unanimidade no pleno municipal.

O BNG acusa a Lorenzo de querer hipotecar o futuro do río Louro

O goberno do PP vai ampliar a lámina de auga do río Louro ao seu paso polo casco urbano. A xustificación que fai o Concello para a alteración da súa canle é evitar posibles futuros desbordamentos. O BNG do Porriño advirte que esta será unha nova agresión a un espazo natural, o cal choca coa protección acordada por unanimidade entre todas as forzas políticas con representación municipal.

Queren crear unha balsa artificial modificando o curso natural do río. Moito nos tememos que estamos ante un primeiro paso para proxectar despois alí máis obras agresivas co medio natural, como as que xa teñen anunciado para organizar festas ou eventos”, sinalou o concelleiro do BNG, Marcelo Rodríguez.

O Bloque defende que os usos recreativos no río sexan compatíbeis coa súa protección. “Non hai mellor maneira de gozar da contorna do río que respectando a súa morfoloxía e intervindo o mínimo para non alterar máis a súa flora e fauna”, declarou Rodríguez.

En contra do aprobado por maioría no pleno, o PP négase a impulsar o ENIL (Espazo Natural de Interese Local) para o río Louro, unha figura de protección que axudaría a rexeneralo ao seu paso polo municipio. “Esta é a única ferramenta que pode protexer o noso río e os seus afluentes agora e no futuro”, afirmou o concelleiro do Bloque.  Desde a aprobación plenaria pola que o Goberno Local se comprometeu a iniciar os trámites para solicitar ante a Xunta o ENIL, non se levou a cabo nin o proxecto, nin as zonificacións, nin os usos, nin as franxas de protección do río e regos. “Votan a favor do ENIL no Pleno por quedar ben, pero nada fan para iniciar o expediente. Dedícanse a tirar fotografías dos concelleiros do PP posando no río, o seu é a publicidade”, denuncia o concelleiro nacionalista.

Denuncias contra o Concello

O Concello do Porriño ten sido recentemente denunciado pola Asociación Ecoloxista Verdegaia por vulnerar repetidamente a Lei de Patrimonio Natural de Galicia. O goberno do PP fai cortas continuadas de especies invasoras sen seguir os protocolos oficiais, o que está a provocar que os restos vaian parar ás Gandaras de Budiño e ao río Miño, onde xa están a arraigar causando graves problemas ambientais. Desde o BNG temos denunciado tamén en repetidas ocasións a contaminación da contorna do río Louro durante os macroconcertos que alí se organizan, así como os continuos vertidos sobre o río Fonteliño da empresa Prebetong Áridos ante o silencio do goberno que dirixe Alejandro Lorenzo.

O BNG acusa a Lorenzo de querer hipotecar o futuro do río Louro