Malgasto e falta de planificación na reforma do Campo da Feira

Infografía Campo da Feira
Infografía Campo da Feira

As obras ao redor do Templete de Antonio Palacios foron un auténtico malgasto e manteñen problemas de accesibilidade nun espazo que se podería ter convertido nunha grande zona verde para a vila.

Malgasto e falta de planificación na reforma do Campo da Feira

Veñen de rematar as obras de acondicionamento do antigo Campo da Feira situado diante do cemiterio, na saída sur do Porriño. Desde o BNG consideramos que o resultado da reforma que o PP levou a cabo non xustifica o alto investimento realizado.

Non se mellorou a mobilidade do lugar: o parque presenta diferentes niveis que  dificultan a accesibilidade. O deseño dos pasos de peóns adoquinados dificulta especialmente o desprazamento ás persoas con mobilidade reducida ou con carros de bebé.  Este modelo aumenta a contaminación acústica ao paso dos vehículos. Ademais, eliminaron o uso deportivo que tiña este espazo para a mocidade.

O conxunto do importe das obras ascendeu a 1,3 millóns de euros, aportados polo Concello do Porriño e a Xunta de Galicia. Con este gran investimento, o único que se realizou foi un “lavado de cara” que, máis alá da cuestionábel, por insuficiente, restauración do Templete de Antonio Palacios, non muda nada este espazo público. “É unha obra cativa e mal planificada que nos sae moi cara”, sinalou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.

Dende o BNG sempre defendemos un urbanismo que achegue calidade de vida, que deixe atrás un modelo pensado para o transporte a motor e que priorice espazos públicos para as persoas. “Non nos conformamos coas solucións parciais que ofrece sempre o PP”, sinalou Pedro Pereira. Lembrou que o proxecto que o Bloque defende para este lugar contempla un tramo da rúa Domingo Bueno baixo terra para eliminar o tráfico en superficie e comunicar o Campo da Feira coa zona peonil de San Bieito.

O BNG lamenta que Alejandro Lorenzo estea máis preocupado en anunciar e inaugurar cantas mais obras mellor, sen planificar a medio prazo O Porriño do futuro. “Hai que deseñar O Porriño do futuro con actuacións transformadoras, adaptadas ao crecemento e ás necesidades da nosa vila, que melloren o que temos. Non con continuos parches pensados máis para a inauguración que para solucionar os problemas estruturais do municipio” sinalou o portavoz do BNG, Pedro Pereira.

Malgasto e falta de planificación na reforma do Campo da Feira