O BNG do Porriño esixe ao concello rectificar o procedemento para tratar a biomasa en propiedades privadas
A veciñanza do Porriño propietaria de terreos sitos en faixas secundarias está a recibir notificacións certificadas nas que o concello urxe o tratamento da biomasa do terreo. A ausencia de información, a escasa calidade desta e os prazos reducidos de execución das limpezas para evitar sancións están a producir un profundo malestar e preocupación entre as persoas.
Dende o pasado mes de decembro, a veciñanza propietaria de parcelas incluídas na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa que establece a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia está a recibir do Concello do Porriño dilexencias de notificación para o tratamento urxente da biomasa destas áreas. A aplicación desta lei é responsabilidade da Xunta pero o concello asinou un convenio municipal que lle permite actuar nas faixas secundarias de alto risco de incendios visitando as parcelas, a través da empresa SEAGA.
O BNG sempre defendeu un tratamento adecuado da superficie de monte, así como facer unha progresiva substitución das especies máis perigosas en situacións de incendio por frondosas propias. Mais o que reclama a forza nacionalista é que este proceso debe ser progresivo e non se debe tentar executar dunha forma abrupta, alarmando ao conxunto das persoas pequenas propietarias.
Non se entende a urxencia nos prazos de execución e tampouco errar na identificación catastral das persoas propietarias ou que se advirta que houbo unha inspección previa antes da emisión da carta cando están sendo advertidos propietarios que xa tiñan as súas parcelas limpas. E o BNG ten detectado contradiccións á hora de informar desde concello á cidadanía, segundo a persoa que informe os metros afectados varían; ou que se presente por defecto, a totalidade dunha propiedade afectada cando segundo o Visor da Xunta de Galicia de Faixas Secundarias só é unha parte a incluída dentro da área de especial atención contra os incendios.
A inseguridade e o medo á sanción que se está a provocar entre a cidadanía levará ó mercado unha gran cantidade de m3 de madeira. Deste xeito, as persoas propietarias terán que malvender a madeira, polo que os beneficios que o sector madeireiro obterá deste contexto de urxencia son incuestionables. É inxustificable a creación desta preocupación. A mesma Lei 3/2007 recolle medidas para potenciar a plantación de especies frondosas en confronto á outras moi perigosas en situacións de incendio, coma o eucalipto ou o piñeiro que non se desenvolveron. No seu lugar, o PP aprobou unha moratoria dende 2021 ata este 2025 para a implantación efectiva da prohibición da plantación do eucalipto.
O BNG do Porriño considera que tentar solucionar deste modo un problema estrutural cuns prazos tan cativos non é a vía máis acertada, e facer recaer toda a responsabilidade nas persoas propietarias elude á responsabilidade que o PP ten en todo este proceso.
A forza nacionalista diríxese ao goberno de Alejandro Lorenzo para indicarlle que a existencia dunha persoa técnica do medio no Concello do Porriño minguaría o desconcerto que provocou a imprudente xestión do seu goberno. Esta figura, que o BNG leva meses reclamando, sabería canalizar dunha maneira adecuada e con formación as dúbidas da veciñanza. Mais a inexistencia deste persoal técnico é, para o bloque, unha mostra máis da pouca importancia coa que o PP de Lorenzo trata o medio.