O BNG demanda á Xunta iniciar canto antes as obras de ampliación do Centro de Saúde do Porriño
O deputado Luís Bará visitou o centro e comprometeuse a reclamar no Parlamento Galego melloras para a atención primaria no Porriño
Mellorar o Centro de Saúde é unha necesidade urxente da veciñanza que a Xunta continúa sen atender: mellorar as instalacións e acoller novas especialidades é unha demanda xusta pola que O Porriño non pode agardar máis. No ano 2007 o Concello asinou coa Xunta un primeiro convenio de cesión dos terreos adxacentes ao centro para poder executar a obra. Máis de dez anos despois, o verán pasado, a Xunta presentou por fin un proxecto e, a pesar de contar desde hai meses coa licenza municipal pertinente, as obras non empezaron. “Que a saturación da atención primaria e a sobrecarga que sofren as profesionais veña motivada por unha clara intención política é inaceptable e só ten un responsable, o Partido Popular”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Pedro Pereira.
O deputado do BNG, Luís Bará, denunciou o desmantelamento da sanidade pública que está a promover o PP desde o goberno da Xunta. No tocante ao PAC do Porriño denunciou o “déficit de persoal nun centro que atende a un volume de poboación importante, o que está é a repercutir na atención sanitaria que se está a prestar”. Bará comprometeuse a reclamar máis profesionais no Parlamento Galego para evitar o deterioro da atención primaria no Porriño, así como reclamar á Xunta que inicie canto antes as obras de ampliación do centro.