Novas
Río Louro

O PP contrario a declarar o Louro como Espazo Natural de Interese Local (ENIL)

O grupo municipal do BNG do Porriño, no último pleno, volveu solicitar unha medida de protección real para o Louro. Requiriu que o Concello impulse declarar como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) os ecosistemas do Louro ao seu paso polo Porriño.

Esta é a segunda vez que o BNG fai esta solicitude. No mes de maio de 2022, ante a iniciativa presentada polo Bloque, O PP votou a favor e, nese momento, foi aprobada por unanimidade.

Agora que pasou a campaña electoral e tamén que se rebaixou a tensión social xurdida na loita contra o megaproxecto para aparcadoiro de camións en Torneiros, o PP vota en contra.

O BNG denuncia que detrás deste cambio de postura está algo máis ca un desleixo na protección do noso río. Existe a intención de continuar organizando na súa contorna macroeventos opostos a un uso respectuoso co medio. O río e as súas beiras poden e deben ser un espazo para a cidadanía do Porriño, pero as actividades humanas deben ser harmoniosas co coidado do espazo.

Ler novas