Aprobada no pleno a moción do BNG do Porriño sobre a xestión do tráfico na contorna de Sanguiñeda e o Porriño
Tal e como fora acordado polo BNG do Porriño e de Mos, estas forzas presentaron en cadanseu pleno do mes de decembro unha moción para tentar buscarlle unha solución a un vello problema agravado no último mes. A problemática do tránsito do tráfico na contorna de Sanguiñeda e do Porriño, trala apertura dunha nova área comercial, agudizouse. A pesar da preocupación veciñal, o BNG observou que as autoridades responsables non buscan pórlle unha solución, o que xustifica a mencionada moción.
A recente apertura dun novo centro comercial na contorna das Angustias en Sanguiñeda está acentuando os xa graves problemas no tráfico que sofre a zona, cos perigos asociados para o tránsito de peóns e as posibilidades de accidentes. Esta problemática non foi tida en conta na proxección de usos do solo feita polo PP: estamos nunha zona de por si sensible á acumulación de vehículos e sobrecargala con áreas comerciais só vai empeorar con moito esa situación, se non se lle busca unha solución.
Aquí coinciden os enlaces de entrada e saída das autovías A55 e A52, así como o tránsito procedente da N-550 e a PO 331. Ademais, tamén nesa mesma área está a entrada e saída norte do centro urbano do Porriño. Mais non só lle afecta á poboación porriñesa, pois unha pequena parte dese centro é compartida polos dous concellos, O Porriño e Mos.
Deste modo, consideramos imprescindible unha maior colaboración entre os dous concellos para mellorar a mobilidade do tráfico desa zona e tamén para converter unha área, claramente, inhóspita nun espazo de mellor calidade de vida para as persoas que viven nas Angustias–Sanguiñeda, Avda. de Galicia, rúa Ramiráns e rúa do Progreso. Esta é unha zona de alta densidade residencial e as persoas que viven nela vense moi prexudicadas.
Unha reclamación histórica que rebaixaría a carga de tráfico na zona que vai entre as rotondas das Angustias e da Costilleta sería a creación dun enlace cara á A55 en Torneiros. Con el evitariamos un elevado número de vehículos, tanto lixeiros como pesados, que utilizan a rotonda do Costilleta para ir cara a Vigo ou Tui. Ademais, proporcionaríalle unha saída directa a parroquias de ámbolos dous concellos sen necesidade de pasar polo centro e polas referidas rotondas. Lévaselle reclamando ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible do estado español desde o BNG, tanto cando gobernou o PSOE coma o PP, sen que a día de hoxe se atendera esta necesidade tan importante para o Porriño.
Consideramos, desde o BNG, que a decisión do goberno do PP de Mos de incrementar as grandes superficies comerciais nunha mesma área sen facer un plan de mobilidade global en colaboración entre os Concellos do Porriño, Mos e o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible é unha terrible eiva. As consecuencias son o colapso do tránsito e o aumento do perigo para todas e todos.
Deste xeito, o BNG do Porriño solicitou no último pleno o apoio para tomar medidas concretas que tivesen como obxectivo solucionar este despropósito. A moción no Porriño foi aprobada, pero, pola contra, no concello de Mos o PP non apoio esta moción e, por conseguinte, non saíu adiante. O argumento usado pola alcaldesa do PP foi que a mellora urbanista realizada polo BNG do Porriño na Avenida de Galicia é a causa destas problemáticas. Na actualidade, grazas á actuación do BNG, esta avenida conta con un só carril para cada sentido, cedéndolles o espazo ós peóns. Ademais, é fácil entender que a carga de tráfico levada ás rotondas que nos ocupan dende un só carril é menor ca se fosen dous, como estaba antes.
O BNG busca solucións e non escusas sen peso nin valor. Por iso, a mañá do 28 de decembro o BNG do Porriño e de Mos reuniuse na zona coa senadora por Pontevedra do BNG Carme da Silva Méndez. Explicóuselle in situ a problemática. O resultado é a presentación no mesmo día pola senadora dunha iniciativa no Senado para tratar esta grave deficiencia.
Máis información: BNG reclama ao Ministerio de Transportes accesos directos A-55 desde Torneiros e Amieirolongo (Mos, Porriño) e un plan de mellora do tráfico na zona