O BNG denuncia a mala praxe económica do goberno do PP no Porriño
Este mes de decembro foron levadas de novo a Pleno facturas de exercicios económicos pasados para o seu recoñecemento e pago. Cando estaba na oposición, o PP bloqueou tanto no pleno como nos xulgados o pago destas facturas por puro interese partidista; cambia agora de parecer e procede ao pago das mesmas polo método que antes criticaba.
Para ocultar o cambio de criterio sen argumentos, pretende confundir a poboación mesturando ou igualando asuntos moi dispares. Nada teñen que ver as facturas que tiñan que ser revisadas por falta de procedemento, revisión que o BNG tamén defendeu, co total da facturación pendente de pago do anterior goberno que se podía ter saldado tal e como se fai agora.
Alejandro Lorenzo minte, reiteradamente, sobre a situación económica do Concello antes da súa chegada á alcaldía: naquel momento, o remanente superaba os 9 millóns de euros, o que lle permitiu o dispendio do que leva facendo práctica dende a súa toma do bastón de mando. Así vemos como preferiu facer gastos superfluos e iniciar unha revisión de oficio de toda a facturación en lugar de pagar as facturas xa conformadas e acreditadas polos servizos municipais, co prexuízo que supuxo para as empresas provedoras e para o Concello.
Estes pagos estanse a realizar agora, con cargo a un crédito bancario, e creando intereses e débeda pública. O portavoz do BNG, Pedro Pereira, acusou o Alcalde de mala xestión económica e de faltar á verdade. “Quere meter no mesmo saco a todo o mundo e pretende facer responsable o BNG, cando as facturas nas que existen irregularidades son todas anteriores á entrada do noso grupo político no goberno de coalición co PSOE”.
O BNG votou a favor de recoñecer estes pagos. Esta forza defende sempre que as empresas provedoras cobren polos traballos realizados. O Bloque é unha forza política seria e responsable, cando está no goberno e tamén na oposición. “Son outros os que teñen que explicar o seu cambio de criterio”, afirmou o portavoz do Bloque. Pereira sinalou tamén que Alejandro Lorenzo levou ao pleno de decembro 175.000€ en levantamentos de reparos, unha fórmula empregada para pagar facturas con ausencia total de procedemento e que contan con informe negativo dos servizos económicos municipais. “Un bo goberno ten que saber xestionar, de forma rigorosa, os recursos públicos e Alejandro Lorenzo, aínda con maioría absoluta, non pode dar lección ningunha de boa xestión económica”, indicou o portavoz do BNG.
Por último, desde o grupo municipal do Bloque denuncia tamén as ausencias reiteradas do interventor municipal, tanto nas comisións informativas previas ao pleno como nas propias sesións plenarias, e que no día a día provoca máis traballo para o servizo de intervención. “Un concello da dimensión do Porriño precisa dun interventor ou interventora a tempo completo. É necesario para informar o goberno nas súas iniciativas e asesorar a todas as persoas concelleiras nos distintos procedementos. O servizo precario que temos a día de hoxe só ten un responsable: o Alcalde, que debería explicar por que está cómodo nesta situación anómala, sen dotar ao Porriño dunha figura imprescindible na administración local”, concluíu Pedro Pereira.