O BNG renova o seu Consello Local no Porriño
Marcelo Rodríguez, novo responsábel local do Bloque na localidade
A asemblea do BNG no Porriño vén de renovar a súa dirección local. Marcelo Rodríguez será o novo responsábel en substitución de Míriam Martínez. O BNG reorganízase e incorpora persoas á súa dirección local para afrontar as eleccións galegas do 18 de febreiro coas máximas garantías. “Temos grandes expectativas no Porriño. Os resultados de 2020 foron moi bos, por riba da media do BNG no conxunto do país e mesmo chegando a superar nalgunhas mesas o PP. Agora queremos contribuír, desde O Porriño, para facer realidade o cambio galego que vai liderar Ana Pontón”, afirmou Marcelo Rodríguez. Ademais, quixo destacar o traballo realizado pola súa predecesora no cargo, Míriam Martínez. “Foi quen de afortalar a organización creando dinámicas de traballo participativas e incorporando persoas novas. Agora asume outras responsabilidades, tanto internas, dentro da dirección local, como no grupo municipal do que forma parte como concelleira. Xunto co noso portavoz Pedro Pereira, é un dos principais activos do BNG no Porriño.”
Rodríguez é técnico de educación ambiental e filólogo de formación. Na actualidade, é concelleiro no grupo municipal do Bloque e vicerresponsábel Comarcal da organización. No pasado ten asumido distintos cargos orgánicos dentro do BNG e formou parte da equipa de goberno do BNG no Porriño entre os anos 2003 e 2010. O novo Consello Local, que asumirá a dirección da campaña electoral no Porriño, pasa a estar composto por 11 persoas: Marcelo Rodríguez, Menchu Pereira, Ana Bastos, Míriam Martínez, Soraya Domínguez, Manuel Sánchez, Graciela Sánchez, Carlos Saa, José Luís Vidal, Aurora Rivas e Pedro Pereira. Estruturáronse distintas áreas de traballo con especial atención ás tarefas organizativas e de comunicación. “Queremos un BNG vivo, en contacto permanente coa rúa e cos problemas reais da xente do noso municipio: a defensa da sanidade pública, o problema do acceso á vivenda, a subida de prezos e da factura da luz, a falta de oportunidades para a mocidade ou a necesidade de protexer e recuperar O Louro como o pulmón verde que O Porriño precisa.”
De cara ás eleccións do 18 de febreiro, o novo responsábel local chamou a todas as persoas do Porriño que queren cambio a concentrar o seu voto na candidatura do BNG. “Queremos contribuír desde O Porriño a facer historia con Ana Pontón na Presidencia da Xunta. Unha muller nacionalista, coas mans libres para defender os nosos intereses e que vai traballar para poñer en marcha unha Galiza mellor. Hai moitas maneiras de se sentir galego ou galega e todas suman para o cambio que queremos liderar desde o BNG”, concluíu Marcelo Rodríguez.