O goberno de Alejandro Lorenzo, o máis caro da historia do Porriño
O PP incrementa as dedicacións exclusivas para os concelleiros e concelleiras do goberno, que pasan a ser oito co alcalde, e suma un novo cargo de confianza aos dous existentes, cunha asesoría xurídica retribuída con 60.000€ da que non se recollen as funcións que vai realizar. En total, once persoas con salario nos órganos de goberno que ascende a un total de 709.000€, sobre os 423.000€ existentes. O BNG defendeu que as retribucións se mantiveran como están, con seis dedicacións para os concelleiros e concelleiras do goberno e dous cargos de confianza. O goberno que dirixe Alejandro Lorenzo será o máis caro da historia do Porriño, incrementando 286.000€ a respecto do orzamento en vigor. Lembramos que o señor Lorenzo cobra tamén asignación económica como deputado provincial, retribución á que non ten renunciado, acumulando dous salarios públicos desde que chegou á Alcaldía en decembro do 2021.
A respecto do cadro de persoal municipal, o Bloque reclamou a creación de tres prazas específicas de persoal técnico que entende prioritarias para o Concello do Porriño. Unha de educación ambiental para a concellaría de Medio Ambiente, outra para o departamento de Normalización Lingüística e unha terceira para dotar a área de Igualdade (CIM) dunha técnica con titulación social e formación en xénero. O Bloque entende que un concello da dimensión do Porriño precisa contar nestas áreas con persoal contratado todo o ano e non cubrir eventualmente estas prazas grazas ás subvencións doutras administracións. A proposta do BNG contemplaba sufragar estes salarios con cargo á partida económica destinada a pagar os servizos extraordinarios da policía local, sobredimensionada no orzamento.
O grupo municipal do Bloque solicitou tamén incluír nas contas públicas a creación dunha partida para tramitar o proxecto de declaración de ENIL (Espazo Natural de Interese Local) para o río Louro e os seus regos. O Alcalde votou a favor no Pleno da iniciativa presentada polo BNG para protexer este espazo natural pero non contempla no orzamento ningún recurso económico para levalo a cabo. A proposta do BNG contemplaba crear esta partida amortizando unha das novas dedicacións exclusivas do goberno. As emendas do Bloque, rexeitadas na súa totalidade polo goberno do PP, recollían tamén diversas inversións en materia de saneamento nas parroquias, ou a ampliación da ponte sobre o río Couso, aprobada tamén no Pleno e ignorada no orzamento proposto polo goberno.
As emendas do Bloque incluían incrementar os aprazamentos e fraccionamentos para o pago de débedas contraídas co concello. O grupo municipal do BNG denunciou o nulo interese do Alcalde por actualizar as taxas e impostos do Concello do Porriño, cando na maioría dos servizos a recadación está moi por baixo do seu coste real. O Bloque defendeu incrementalas e bonificar ou eximir do seu pago ás persoas e familias con menos recursos para garantir a universalidade no acceso aos servizos municipais.
O BNG ofreceu unha nova modalidade para acceder ás subvencións do tecido asociativo cultural ou deportivo que é concorrencia competitiva. O Bloque entende que as distintas asociacións téñense que facer responsables de presentar un programa de actividades, para garantir a igualdade de oportunidades á hora de acceder aos recursos públicos e evitar a discrecionalidade política no reparto e gasto dos mesmos. Neste apartado, defendeu tamén incrementar a partida destinada a AFAGA e dotar partidas para asinar convenios de colaboración coa Xunta de Montes de Budiño e coa Asociación de Afectados e Afectadas das Canteiras. As emendas contemplaban tamén limitar os importes por debaixo dos cales non é preceptivo solicitar tres ofertas nos contratos menores de obras ou servizos.