O BNG impulsará desde a Xunta o traslado do matadoiro do Porriño
O candidato do BNG por Pontevedra, Luís Bará, avanza que desde o goberno galego impulsará un proxecto de recuperación do río Louro no Porriño, incluíndo o traslado do matadoiro.
Bará anunciou o compromiso de crear unha mesa de negociación composta pola empresa, polas administracións públicas e polos axentes sociais para acordar unha nova localización fóra do casco urbano.
O Bloque defende a recuperación integral do río Louro para crear un gran espazo público urbano e recuperar a contorna da ribeira fluvial. O responsable local, Marcelo Rodríguez, declara: “No seu día, abrimos o paseo polo río e, recentemente, iniciamos a compra de terreos na contorna para que sexan de uso público. O recoñecemento como ENIL (Espazo Natural de Interese Local) é o seguinte paso, mais a recuperación do Louro non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual. Chegou o momento de afrontar un tema fundamental para o futuro do Porriño que precisa deixar de lle dar as costas ao seu pulmón verde natural. O desenvolvemento urbanístico da nosa vila e as comunicacións con Torneiros non poden estar condicionados pola localización de ningunha actividade industrial”.
ENIL para o río Louro
No mes de maio de 2022 aprobouse no Pleno Municipal, por unanimidade, a moción presentada polo BNG para impulsar a declaración do río Louro e dos seus regos Laxes e Fonteliño (Couso) como ENIL (Espazo Natural de Interese Local). Esta figura de protección outórgaa a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, despois de que os concellos elaboren unha proposta de memoria motivada. Á vista de que o PP mantivo paralizada a súa tramitación e que nos orzamentos municipais non se contemplou unha partida para tramitar o expediente, o BNG en setembro de 2023 volveu insistir na importancia de que o río Louro sexa ENIL; nesta ocasión, o voto do PP foi negativo. A intención do goberno que preside Alejandro Lorenzo é usar o espazo á beira do río para grandes eventos, permitir o tráfico rodado e crear zonas de aparcamento; todas estas opcións son un proxecto incompatible co recoñecemento ambiental que se pretende conseguir.
Luis Bará valorou positivamente que, desde o Pleno do Porriño, o BNG teña iniciado o trámite para denominar ENIL o Louro e os seus regatos. “É unha ferramenta poderosa ao alcance da administración local que axudaría a rexenerar os bosques de ribeira e tamén a defendelos de futuras ameazas, ademais de conseguir unha maior implicación cidadá no coidado activo do río ao estimar os nosos valores naturais”. O candidato do BNG criticou que o goberno que dirixe Alejandro Lorenzo teña parado o expediente, destacando a diferenza entre as políticas que defenden o ecosistema e os valores ecolóxicos e o “desarrollismo” polo que aposta o PP e que non respecta a contorna . “O Porriño terá nun goberno galego liderado por Ana Pontón un aliado na defensa do Louro”, concluíu.