Aprobada iniciativa do BNG para protexer os ecosistemas do Louro como Espazo Natural de Interese Local (ENIL)

foto Louro
foto Louro
Aprobada iniciativa do BNG para protexer os ecosistemas do Louro como Espazo Natural de Interese Local (ENIL)

O Pleno da Corporación Municipal do Porriño ven de aprobar unha moción presentada polo BNG que impulsa desde o Concello do Porriño a declaración do río Louro e os seus regos como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). O ámbito que se pretende protexer parte do Paseo do Louro, no casco urbano, e chega até as Gándaras de Budiño, no límite coa Rede Natura, co fin de crear un corredor ecolóxico de flora e fauna que poña en valor este espazo natural singular.

Acadar esta figura que outorga a Xunta de Galicia servirá para protexer no seu conxunto os ecosistemas do Louro ao seu paso polo Porriño, complementando así a protección ambiental coa que contan na actualidade As Gándaras de Budiño, dentro da Rede Natura.

Desde o Bloque defendemos traballar para converter o Louro no pulmón verde que O Porriño precisa. A administración local ten que asumir o compromiso de tomar as medidas que permitan garantir a conservación e rexeneración deste espazo, e realizar as actuacións necesarias para preservar esta riqueza natural. Hoxe existen múltiples factores de risco para este ecosistema, como a presión urbanística e industrial, caso da continuidade do matadoiro na súa ubicación actual, ou o Centro de Transportes que Zona Franca proxecta construír en Torneiros; así como a introdución de especies vexetais e animais foráneas, as talas e desbroces agresivos, o emprego de herbicidas, os vertidos incontrolados, unha iluminación agresiva ou o alto volume de ruídos que soporta.

 

Aprobada iniciativa do BNG para protexer os ecosistemas do Louro como Espazo Natural de Interese Local (ENIL)