Mellorar a atención sanitaria no Porriño é unha prioridade do BNG no goberno da Xunta

Centro de saúde do Porriño
Centro de saúde do Porriño
Mellorar a atención sanitaria no Porriño é unha prioridade do BNG no goberno da Xunta

Hai tan só tres meses, o PP negou no Pleno a saturación das axendas médicas no Porriño. Esta posición choca ata coa da propia Xunta de Galicia, pois recoñece, no Plan Local de Saúde 2023-2026, que no centro de saúde do Porriño existen deficiencias sanitarias non cubertas, con cupos por riba das ratios recomendadas. A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, na súa recente visita ao Porriño, comprometeuse a dotar suficientemente os servizos básicos diarios, a cubrir as ausencias médicas e a ampliar as prazas de pediatría (no PAC compartido con Salceda e Mos) e enfermería obstétrico-xinecolóxica. Tamén se dotará de persoal as especialidades de fisioterapia e saúde mental, servizos de apoio non prestados actualmente. Todas estas deficiencias foron reclamadas á Xunta de Galicia, vía moción do BNG, no pleno de decembro para esixirlle unha solución.

A ampliación do Centro de Saúde do Porriño foi usada polo PP como unha estratexia de propaganda política: foron capaces de nos privar durante anos desta urxente necesidade ata que non mudou a cor do goberno municipal e, ademais, a obra non supuxo a ampliación médica que estabamos agardando, dadas as características demográficas do noso concello.

Un goberno galego liderado polo BNG realizará tamén as actuacións necesarias para que a Unidade de Adiccións a Drogodependentes sexa integrada no Centro de Saúde, xa que é un servizo dependente da Subdelegación Xeral de Saúde Mental e Drogodependencias da Xunta de Galicia e non ten que ser excluído das instalacións sanitarias. Estamos ante un servizo especializado na atención a persoas con condutas de adicción asentadas nos concellos de toda a área sanitaria, polo que tamén ten que ser dotado do persoal necesario.

Contaminación por lindano

 Hai dous anos, o recén chegado á Alcaldía, Alejandro Lorenzo reuniuse coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para anunciar o compromiso da Xunta de Galicia dunha partida de 3 millóns de euros para a retirada dos restos de lindano en Torneiros. Foi un anuncio que non se converteu en realidade.

O PP ten medo a perder a Xunta e está instalado nunha campaña de mentiras. De contar coa confianza dos galegos e galegas para presidir o goberno galego, o BNG afrontará este asunto, de vital importancia para a parroquia, coa seriedade necesaria. Trátase da saúde dos veciños e veciñas e hai que investir os recursos necesarios para solucionar este grave problema de contaminación.

Mellorar a atención sanitaria no Porriño é unha prioridade do BNG no goberno da Xunta