O BNG reclama a PSOE e PP que defendan os intereses de Torneiros
O Bloque organizou o pasado venres un acto aberto na parroquia sobre o Centro de Servizos ao Transporte que o Consorcio da Zona de Franca de Vigo proxecta instalar en Torneiros. Informouse de primeira man das reunións mantidas coa propia Zona Franca e cos distintos colectivos veciñais e do sector do transporte, explicouse a nosa posición contraria ao proxecto e respondeuse ás inquedanzas plantexadas pola veciñanza.
O Pleno do Porriño vén de rexeitar por unanimidade a proposta presentada por Zona Franca para Torneiros e reclamou tamén, a instancias do BNG, que a Xunta non aprobe o proxecto sectorial necesario, dada a súa incidencia supramunicipal, para o levar cabo. Desde o Bloque celebramos esta decisión plenaria pero entendemos que para facela efectiva PSOE e PP deben trasladar este compromiso á dirección dos seus respectivos partidos. Reclamamos tanto a PSOE (que impulsa o proxecto desde Zona Franca) como a PP (a Xunta ten que autorizalo), a se posicionar coa veciñanza e na defensa do territorio, nas súas mans está frear esta ameaza para a vida da parroquia.
Somos coñecedoras de que a demanda do sector do transporte de contar cun lugar para poder estacionar e descansar na contorna de Vigo é real e necesaria, mais non nos parece que a alternativa escollida sexa acaída, tanto pola súa ubicación como pola súa dimensión. Zona Franca debe buscar alternativas que non precisen degradar máis o territorio. O espazo que se pretende ocupar afecta pola súa proximidade tanto a vivendas particulares como ao polígono residencial de Torneiros. Ocuparíanse tamén terreos inundábeis e bosques de ribeira do río Louro, e os seus regos, hábitats de conservación prioritaria para a Unión Europea. Torneiros, unha parroquia afectada tanto pola presenza de industria química e lindano, como polas liñas de alta tensión e vías de comunicación que a atravesan, non pode ser de novo a sacrificada nunha operación destas dimensións.