O BNG reclama melloras no mantemento dos espazos públicos do Porriño

O BNG vén de reclamar, no último pleno, diferentes melloras no mantemento dos espazos públicos e das vías de responsabilidade municipal do Concello do Porriño. A forza nacionalista faise eco de queixas da veciñanza para a solución destas deficiencias nas parroquias e na vila.

imagen_2026-06-25_164656535
Parque infantil do Alba (Torneiros)
O BNG reclama melloras no mantemento dos espazos públicos do Porriño

No último pleno do Porriño, o Bloque trasladou diferentes queixas que lle transmitiu a veciñanza sobre o mantemento de diferentes espazos públicos e vías. As melloras esixidas circunscríbense ó pintado de vías e o tratamento dos parques e lugares de lecer.

Na parroquia de Torneiros, a insuficiente periocidade nas rozas está a provocar que exista un problema grave de carrachos. Estes parasitos son un perigo para os animais de compañía, pero tamén para as persoas, polo que a forza nacionalista urxe unha maior atención desta zona.

O mesmo acontece no parque do paseo do Louro. As rozas son insuficientes, polo que transitar por esa zona se fai máis difícil. A isto engádeselle o escaso mantemento do equipamento da zona, con varias pontes rotas dende hai meses.

Outro problema que se engade é a necesidade de repintado das vías de responsabilidade municipal, singularmente os pasos de peóns. O borrado deste tipo de sinalización repercute gravemente na seguridade viaria.

A forza nacionalista recorda que o goberno de Alejandro Lorenzo segue sen presuposto para o 2026, así como tampouco o tivo en 2025. Mais esta realidade non lle dificultou facer un dispendio dos fondos municipais, moitas veces gastados en partidas cuestionables ou en correccións de presupostos desaxustados. “Investir no mantemento das vías de responsabilidade municipal e nos espazos públicos do noso concello é unha responsabilidade do goberno do PP que non está a ser desenvolvida do modo en que se debera”, afirma Pedro Pereira, portavoz do BNG do Porriño.

O BNG reclama melloras no mantemento dos espazos públicos do Porriño