O Concello do Porriño súmase ó discurso belicista
O BNG do Porriño cuestiona a imaxe empregada polo goberno municipal para promocionar unha actividade de exhibición de medios da Garda Civil que terá lugar este xoves 11 no propio municipio.
A Garda Civil, a cal ten no noso Concello unha base desde a cal desenvolve as súas funcións na nosa comarca, forma parte dos servizos públicos de seguridade que desenvolven tarefas de protección da cidadanía, auxilio ás persoas, rescate e atención en situacións de emerxencia. Porén, a imaxe difundida polo Concello presenta unha estética centrada na exhibición de armamento, unidades especiais e elementos asociados a escenarios de confrontación bélica e violencia.
Para o BNG do Porriño, a maneira de presentar a actividade que se celebrará este xoves encaixa nunha tendencia crecente de normalización de discursos e imaxinarios belicistas que están gañando presenza no debate público. Nun contexto internacional marcado polos conflitos armados e pola escalada militar en diferentes partes do mundo, a formación considera especialmente desafortunado trasladar este tipo de mensaxes desde unha institución pública.
"Non ten sentido unha actividade con esta formulación no noso concello. A Garda Civil ten entre as súas funcións prioritarias a axuda e colaboración coa cidadanía. O cartaz da actividade é un erro. As administracións públicas deben promover valores de convivencia, cooperación e cultura de paz, especialmente entre a xente máis nova", sinala Pedro Pereira, portavoz do BNG do Porriño.
A forza nacionalista considera que unha actividade destas características podería poñer o foco noutras funcións fundamentais que desenvolven as forzas de seguridade, como a protección da cidadanía, o rescate de persoas ou a atención en situacións de emerxencia, sen recorrer a unha imaxe baseada na espectacularización da forza e dos medios militares.
Por todo isto, o BNG do Porriño insta ao goberno municipal de Alejandro Lorenzo a reflexionar sobre os valores e mensaxes que proxecta a través das actividades institucionais promovidas polo Concello.