O BNG consegue que a contaminación do río Fonteliño chegue á Fiscalía de Medio Ambiente
O BNG do Porriño conseguiu no último pleno que se acordase denunciar a continua e reiterada contaminación que sofre o río Fonteliño. A denuncia será interposta na Fiscalía de Medio Ambiente do estado. O obxectivo é deter as agresións que sofre este rego poñendo en risco a vida natural e a das persoas.
O Concello do Porriño vén sufrindo de forma reiterada graves episodios de contaminación do Río Fonteliño ou río de Couso ao seu paso pola parroquia de Cans. O BNG do Porriño denunciou reiteradamente a gravidade desta situación. A resposta ata o de agora do goberno do PP fora votar en contra. No último pleno, a forza nacionalista conseguiu alcanzar a maioría de apoios para que se comece a actuar.
Existen riscos potenciais sobre a saúde das persoas, unha ruptura do equilibrio do ecosistema e a vulneración dos dereitos das persoas dunha parroquia que non quere ver este escenario constante do seu río contaminado. A pesar das mútliples denuncias realizadas por persoas particulares e asociacións ante a empresa Vontorantim Cimentos por delitos ambientais, persisten estes episodios, agravados ultimamente de forma crítica.
“É competencia municipal protexer o medio do seu concello e, de ser necesario, denunciar ante as institucións competentes. Non facelo é ser cómplice desta situación de contaminación reiterada.”, advirte Marcelo Rodríguez, concelleiro do BNG do Porriño
A maioría do pleno apoiou a proposta da forza nacionalista para que o goberno municipal denuncie ante a Fiscalia de Medio Ambiente a empresa por todos os vertidos contaminantes no Río Fonteliño ou Río de Couso e polos posíbeis prexuízos cara á saúde pública. O Bloque velará agora que o goberno do PP de Alejandro Lorenzo cumpra o aprobado no Pleno e comece un proceso de protección na defensa do medio e da saúde do Porriño.