O BNG reclama blindar 100.000€ para políticas sociais no Porriño
A UAD do Porriño foi transferida á Xunta de Galicia en decembro de 2025, que pasou a asumir o 100% do seu custo. A forza nacionalista solicitou que os fondos propios que ata entón investía o concello no servizo, case 100 000 euros, se blinden para políticas sociais municipais e non sexan desviadas a outras partidas. O goberno local do PP votou en contra desta proposta.
O BNG do Porriño levaba moito tempo esixindo que se cumprise a obriga da Xunta de Galicia de xestionar o servizo da UAD, sobre a cal ten a competencia. Ao formalizarse a asunción desta responsabilidade, o Concello do Porriño libera unha partida de 100.000 euros e a forza nacionalista formulou no pleno que eses cartos se destinen, exclusivamente, a políticas sociais.
“O PP do Porriño repite a mesma política social desde hai 15 anos, cando gobernaba Nelson Santos e Alejandro Lorenzo era xa concelleiro; moito investimento para obras ou o gasto en festas que non falte, pero nos servizos sociais non se actúa coa mesma disposición. Faltan novos programas sociais porque as necesidades sociais do concello diversificáronse e aumentaron co medre da poboación. O desinterese polas cuestións sociais é evidente”, expón a concelleira Míriam Martínez.
“A mesa local de violencia de xénero leva preto de dous anos sen se reunir, a pesar dos graves casos de violencia de xénero que vivimos desde entón. O formato desta xuntanza estaba desfasado e hai máis dun ano que o BNG reclamou que se modificara, esa é unha xestión que non require cartos, pero si vontade política”, advirte Martínez.
A atención sanitaria no Porriño presenta cada vez máis deficiencias, como leva denunciado a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública desde hai meses. As medidas anunciadas para solucionar a falta de persoal quedaron niso, en anuncios. E, cando a oposición reclamou no pleno unha postura conxunta para esixirlle medidas urxentes á Xunta de Galicia, o goberno do PP preferiu defender a Xunta.
Especialmente desatendida está a saúde mental. Por acordo plenario, o Concello do Porriño comprometérase a solicitar unha Unidade de Saúde Mental para O Porriño, pero non hai resultados. A desatención neste eido sófrena, especialmente, a infancia e adolescencia, para os que non se lles está a dar unha vía de atención, en confronto co que encontramos noutros municipios da nosa contorna; concellos limítrofes contan cun servizo de atención psicolóxica propio.
A intención destes programas é solventar os numerosos problemas cos que contan as persoas máis novas e, en coordinación cos centros educativos, solucionar as demandas que se van detectando. A implantación dun programa desta natureza leva sendo reclamado polas Orientacións dos centros educativos do Porriño en todas as reunións da Mesa Local da Saúde do Porriño e o goberno do PP rexeita ese cometido.
“É necesario que o Concello do Porriño, gobernado polo PP, comece a actuar en consecuencia co peso demográfico do noso concello e atenda as problemáticas reais das persoas. Votaron en contra de crear un programa psicolóxico que recoñecen que é necesario, cando existen recursos económicos, só porque foi unha iniciativa do BNG. A política de favores e a presenza nas redes non solucionan as necesidades da xente do Porriño. Hai recursos, o que non hai é un interese en gobernar para as persoas”, denuncia Míriam Martínez, membro do grupo municipal do BNG do Porriño.