O BNG lamenta a perda dunha oportunidade de mellora do transporte público no Porriño

A Xunta de Galicia abriu un período de alegacións para requirir melloras no servizo de transporte público no noso territorio. Esta é unha oportunidade para que o concello presentase as necesidades que ten O Porriño, como apoio ás solicitudes feitas por outras entidades. O PP de
Alejandro Lorenzo negouse, no pleno, a facelo.

Parada autobús Avda. Galicia
Parada autobús Avda. Galicia
O BNG lamenta a perda dunha oportunidade de mellora do transporte público no Porriño

O concello do Porriño ten un problema grave co transporte público. O BNG leva denunciando carencias importantes neste servizo tanto no número de prazas ofertadas coma no de liñas ou paradas coas que conta o noso concello. Os autobuses que unen O Porriño con Vigo, especialmente nas horas punta, non ofertan as prazas suficientes para darlles servizo a todas as persoas usuarias. A zona franca non conta con unha liña de servizo de transporte público, a pesar de ser un foco de atracción de numerosas persoas. As parroquias non contan con conexións factibles para as usuarias.

Especialmente grave é esta situación en Torneiros. Esta parroquia é, xunto coa propia vila, o núcleo de maior concentración de poboación do noso concello. Mais esta realidade non se acompaña dos servizos que serían de esperar. E tampouco no que se refire ó transporte público.

En Torneiros localízase un centro de ensino secundario que oferta ciclos de formación profesional, formación básica e bacharelato, todos eles son niveis sen dereito ó transporte escolar para o estudantado de fóra da área de atención do propio centro. O estudantado que vén doutros concellos só conta con conexión coa vila. Este era o momento de solicitar unha nova parada dentro das liñas de conexión interurbana.

“Unha nova parada en Torneiros dentro das liñas que unen A Guarda-Vigo melloraría moito a calidade de vida e o acceso ás instalacións escolares para unha parte considerable do estudantado do IES Ribeira do Louro, incluídos menores de idade que en pleno inverno teñen que facer un traxecto considerable. Pero tamén sería un novo servizo para as persoas que traballan nas distintas instalacións públicas e privadas na zona e para a propia poboación local de Torneiros. Negarse a acompañar a solicitude que presentou o Consello Escolar do instituto non ten ningunha lóxica. Só responde a unha actitude soberbia por parte de Alejandro Lorenzo, que non acepta as propostas que xorden da propia cidadanía” recrimina Pedro Pereira, portavoz do BNG do Porriño.

O BNG lamenta a perda dunha oportunidade de mellora do transporte público no Porriño