O BNG denuncia o urbanismo “á carta” do PP no Porriño
O BNG do Porriño denuncia que o goberno do PP adapta a normativa urbanística en función dos intereses dalgúns promotores e persoas afíns
O portavoz municipal do BNG, Pedro Pereira, afirma que o Goberno Local está a actuar en materia urbanística en función dos intereses de persoas achegadas ao Partido Popular. Pereira cualifica estas actuacións de moi graves.
O Concello do Porriño vén de anunciar a legalización dun coñecido edificio na Praza Central, propiedade dun promotor con vínculos familiares coa concelleira de Urbanismo, que leva anos paralizada. Mentres o BNG tivo responsabilidades en urbanismo o promotor recibira varias notificacións instando á legalización e á adaptación das obras ao PXOM vixente, do 2003.
O BNG lamenta que o goberno que dirixe Alejandro Lorenzo non teña problema en modificar o PXOM para axudar a un empresario amigo, pero si se negue a modificar o Plan Xeral de ordenamento e darlles unha solución ós retos actuais do noso concello. Estes son, entre outros, a ameaza da instalación do Centro de Servizos ao Transporte en Torneiros, a declaración Espazo Natural de Interese Local (ENIL) do río Louro e o seu entorno, ou a reordenación urbana e rural do noso concello para vivenda de protección social e para a reserva de máis espazos verdes.
Outro caso de posible trato de favor por parte do Goberno Local é a compra dun baixo comercial propiedade dun recoñecido simpatizante e apoderado do PP. Este local, sito na intersección das rúas Fernández Areal con Doantes de Sangue, está fóra de ordenación por non cumprir o promotor co proxecto contemplado na licenza, ao ter engadido un entresollado de forma ilegal. Neste caso, o goberno do BNG abriu un expediente de disciplina que o PP deixou prescribir. É un baixo no cal o Goberno non autoriza licenza de actividade para uso privado mais o alcalde Alejandro Lorenzo merca para un futuro uso público. O portavoz do BNG pregúntalle ó goberno local “como unha infraestrutura que non presentaba as condicións para uso privado si as presenta para un uso público?”.