O BNG solicita que o Concello aporte fondos para eliminar a liña de alta tensión de Torneiros

O BNG solicita que o Concello aporte fondos para eliminar a liña de alta tensión de Torneiros

Pedro Pereira e a deputada do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, visitando un tramo da liña de alta tensión en Torneiros

A liña non cumpre as distancias mínimas de retranqueo coas edificacións existentes e atravesa os terreos do colexio CPI de Ribeira. Na procura dunha solución e este grave problema, no ano 2008 empezaron as negociacións entre o Concello do Porriño e Unión Fenosa, acordándose como solución máis viable o soterramento do tramo aéreo que afecta as edificacións.

Esta proposta de soterramento foi presentada no seu momento polo goberno do BNG no Porriño tanto á Consellería de Industria como a compañía eléctrica. Logo das reunións mantidas, asinouse un convenio de colaboración entre a Consellería de Industria e Fenosa para financiar o custe relativo á parte eléctrica, uns 2.100.000 €, e onde o Concello do Porriño se comprometía a asumir o custe da obra civil, (zanxa, canalizacións e reposicións) cun importe aproximado de 350.000 €. A proposta de financiación da obra civil que debería acometer o Concello do Porriño foi sometida ao Pleno da Corporación Municipal en varias ocasións, sendo aprobada definitivamente o día 5 de novembro de 2009. O PP, despois de acceder ao goberno en febreiro de 2010, amortizou unha partida que nunca se chegou a executar.

Desde o Bloque seguimos considerando que a liña de alta tensión que pasa por Torneiros ten que ser soterrada. Vimos presentando emendas aos orzamentos da Xunta en varios exercicios solicitando que o goberno galego incorpore nos seus presupostos o soterramento de dita LAT. Emendas nunca incorporadas polo PP, unha mostra clara da falta de interese e sensibilidade para dar solución a esta xusta demanda do vecindario de Torneiros. Esta falta de interese non é só atribuíble á Xunta de Galiza, tamén é compartida polo goberno do PP no Porriño, que nos preto de cinco anos que leva gobernando non incluíu nos orzamentos municipais unha partida económica para este fin nin fixo as xestión precisas coa Xunta e Fenosa para conseguir o soterramento da LAT.

O grupo municipal do BNG no Porriño ven de presentar a convocatoria dun pleno extraordinario no que se recolle, entre outros asuntos, unha proposta de acordo para retomar o soterramento desta liña de alta tensión. Solicitamos de Gas Natural-Unión Fenosa a redacción dun novo proxecto de soterramento da LAT ao seu paso polo polígono V de Torneiros, instamos a iniciar negociacións co obxecto de asinar un novo convenio entre Concello do Porriño, Consellería de Industria e a propia Gas Natural-Unión Fenosa e reclamamos dotar no Orzamento Xeral 2015 do Concello do Porriño unha partida económica de 300.000 € para acometer a obra civil ligada ao soterramento da liña.

O BNG solicita que o Concello aporte fondos para eliminar a liña de alta tensión de Torneiros