Á MALA PRAXE ECONÓMICO FINANCEIRA DO GOBERNO ELEVA O EXPEDIENTE DE RECOÑECEMENTO EXTRAXUDICIAL DE CRÉDITO A MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS
O BNG non vai avalar o desleixe financeiro do Partido Popular nin do goberno actual
O voto en contra do BNG no pasado pleno extraordinario, rexeitando a proposta do goberno de aprobar un recoñecemento extraxudicial de crédito de 2.114.426,13 €, baséase en que non estamos dispostos a dar o visto e prace á mala praxe económico-financeira en que está instalado este goberno, copiando os peores modos de xestión do goberno anterior do Partido Popular.
O BNG recoñece e defende que os provedores do Concello e as persoas e empresas que prestaron un servizo aos porriñeses e porriñesas deben cobrar o que se lles debe. Pero nin todo nin sempre pola vía do recoñecemento de crédito, unha figura recollida na lei pero que este goberno está a usar con máis frecuencia da desexable, o que demostra unha vez máis a súa falla de xestión e a súa incapacidade para elaborar e sacar adiante uns orzamentos.
Entre os créditos que se propoñen para o recoñecemento figuran moitas facturas que proceden do goberno do PP, entre o 15 e o 20 por cento (non o 4%, como se esforzou en demostrar o seu voceiro na sesión do pasado xoves). E o resto son imputables ao goberno actual de PSOE e UDDL. O que cómpre destacar nesta proposta que nos trae a alcaldesa é que a meirande parte desas facturas corresponden a gasto ordinario pola prestación de servizos ou necesidades básicas do Concello (lixo, luz, telefonía, combustible, piscina municipal, etc.) que a estas alturas -senón todas, polo menos a maioría delas- xa tiñan que estar adxudicadas mediante concurso aberto e coa cobertura orzamentaria correspondente. O propio interventor afirma no seu informe que “este recoñecemento extraxudicial de crédito non anula as irregularidades que se teñan cometido na xestión e as responsabilidades derivadas de tales actuacións”.
Tal e como se recolle na exposición de motivos da proposta, o BNG é consciente da complexidade dos expedientes de adxudicación de determinados servizos como a piscina ou a recollida do lixo. Pero iso non xustifica que esteamos hoxe en día cun orzamento prorrogado dende o 2012 e que levemos xa varios anos coa prestación en precario de servizos básicos. Porque entre esas facturas que o Concello aínda non pagou, hainas que corresponden a servizos que se están prestando sen ningún tipo de amparo legal, sen informe técnico que o xustifique, sen transparencia na licitación, con facturas presentadas fóra de prazo, etc.
Os provedores non son culpables da mala xestión do goberno municipal. Quen pon en perigo que poidan cobrar as súas facturas non é o BNG. É o goberno, que reiteradamente opta por unha figura que, lonxe de dar resposta a unha necesidade financeira, insiste na mala praxe da dereita e perpetúa a inseguridade contable.
Xa que logo, o BNG insta ao goberno a que dunha vez por todas se poña mans á obra para axilizar as adxudicacións pendentes de servizos básicos como o lixo ou a piscina municipal. Obviamente, sendo coherentes co noso programa, propoñemos que se prime a xestión directa deses servizos, por eficiencia na prestación e por aforro económico, aínda que a Lei de Estabilidade Orzamentaria do PP complique en grande maneira esta posibilidade. Asemade, é hora xa de que o goberno elabore uns novos orzamentos que dean cobertura aos gastos e investimentos que demandan as porriñesas e porriñeses.
Non compartimos a demagoxia da alcaldesa cando afirma que o pago de aproximadamente 600 mil euros en intereses impide dedicar mais recursos en “ benestar social, creación de emprego, saneamento ou en obras moi necesarias”. O que realmente é responsábel de non atender estas necesidades é o actual goberno. Por non ser capaz de elaborar un orzamento nos dous anos que van de lexislatura e presentalo para a súa aprobación. Está na man da alcaldesa pagar as facturas e evitar o pago de intereses, só ten que negociar co PP, porque os responsábeis dos gastos que aparecen no expediente de recoñecemento son o PP e a coalición PSOE- UDDL.