O BNG acusa ao PP de manter paralizada a ampliación do Centro de Saúde do Porriño
O PP rexeitou o pasado mes de decembro, unha emenda aos orzamentos da Xunta para o ano 2014 presentada polo Bloque, na que se solicitaba que fose contemplada unha inversión de 1,5 millóns de euros para executar a ampliación do Centro de Saúde do Porriño. Seguimos agardando que a Xunta cumpra co compromiso adquirido logo de que o Concello do Porriño, durante o goberno do BNG, aprobara en pleno a cesión dos terreos municipais necesarios para realizar a obra. Un proxecto fundamental para mellorar as instalacións do centro e ubicar especialidades médicas das que carecemos a día de hoxe na nosa localidade, que está paralizado desde a chegada ao goberno da Xunta de Núñez Feijoo.
Nelson Santos non está a esixir ao goberno do PP na Xunta que comprometa a inversión necesaria para realizar a obra, como así llo levamos reclamando desde o BNG. O alcalde do Porriño non está a facer nada para que esta vella demanda dos veciños e veciñas se materialice, afirmou o portavoz do BNG, Pedro Pereira.
Desde o BNG consideramos esta inversión prioritaria para O Porriño e os municipios aos que o centro presta servizo, e lamentamos que Nelson Santos non defenda este importante proxecto ante o goberno do PP na Xunta