O Bloque esixe ao PP solucións para O Porriño
O portavoz do Bloque, Pedro Pereira, cualificou a situación interna do goberno local como de insostible. A xestión do concello estase a ver prexudicada pola desconfianza xeneralizada e o propio persoal do concello está a sufrir presións constantes desde o equipo de goberno. O clima de traballo é irrespirable. O Porriño non pode permitirse este desgoberno. O PP é o responsable desta situación e ten que darlle solución, sinalou.
O BNG non contempla un goberno alternativo con posibles concelleiros escindidos do PP. Non temos nada que pactar con quen asinou a moción de censura contra o Bloque no 2010 e amparou unha forma irregular e corrupta de xestionar o concello. O BNG actuará con responsabilidade para intentar levar adiante aqueles proxectos importantes para O Porriño, pero non formará goberno con escindidos do PP , afirmou o nacionalista.
Pereira esixe a Manuel Carrera e Marcelino Coto que se definan, e que deixen de ser cómplices políticos necesarios da trama corrupta que está a ser investigada. Forman parte da xunta de goberno local na que se toman as principais decisións do goberno e Coto ven de apoiar a Nelson Santos no último pleno votando en contra da solicitude de dimisión presentada polo BNG. Non dimiten porque prefiren aferrarse ao poder e priman o seu interese persoal. Se de verdade queren desmarcarse da xestión do alcalde e dos concelleiros imputados teñen que dimitir e deixar o goberno, sinalou Pereira.
Desde o Bloque consideramos unha burla á cidadanía do Porriño que a dirección provincial do PP cualifique de cuestión interna e normal a situación que se está a vivir na nosa localidade. O PP está a escribir unha das páxinas máis negras da historia do Porriño. Demóstrase que a moción de censura acordada entre PP, CxP e IdP non atendeu ao interese xeral da cidadanía, senón a intrigas e escuros intereses persoais, concluíu.