O transporte público no Porriño non cubre a demanda

Captura

A rede de transporte no Porriño non conta con prazas suficientes nin para o estudantado de bacharelato das parroquias, que remata o curso sen que se lle dese solución á falta de prazas, nin para as persoas que viaxan a Vigo a primeira hora (da mañá), que non teñen garantido o servizo.

O transporte público no Porriño non cubre a demanda

O 30 de outubro, no pleno do Porriño, aprobouse por unanimidade unha moción promovida polo BNG. Nela requiríase aumentar as prazas de transporte escolar para que tivesen acollida o estudantado dos institutos do Porriño que vive nas parroquias. O goberno de Alejandro Lorenzo comprometíase a instar a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e á Dirección Xeral de Mobilidade a que, nun prazo curto de tempo, lle solicitase á empresa concesionaria o incremento das prazas nas liñas nas que non se cubrían as necesidades. Rematado o curso, non houbo incremento nos servizos de transporte escolar.

A esta queixa hai que sumarlle o número insuficiente de prazas noutras liñas de transporte e a carencia de liñas fundamentais para artellar O Porriño. Persoas usuarias das liñas de autobuses con parada na Avenida de Galicia, na franxa horaria entre as 7,30h e as 8,30h da mañá, non teñen garantida praza no transporte público que necesitan, nomeadamente, para ir aos seus postos de traballo. Tampouco existen liñas de transporte público desde O Porriño para as persoas que traballan nos polígonos industriais, tal e como acontece noutras zonas industriais de Galiza.

O transporte público é un garante de igualdade de oportunidades, especialmente, no caso do acceso á formación; e tamén de redución da contaminación e do consumo de enerxía. Esixir estas melloras debería ser unha prioridade para o noso alcalde, máis se atendemos a que o uso do tren é unha utopía no noso concello. O Porriño sobrepasou os 20.000 habitantes; é hora de que contemos cuns servizos axustados ás necesidades da poboación local”, afirma Marcelo Rodríguez, concelleiro do BNG local, na reclamación presentada no último pleno para darlles solución a estas eivas de mobilidade.

O transporte público no Porriño non cubre a demanda