A supresión do Paso a Nivel sen partida específica nos orzamentos do Estado
A dirección local do BNG do Porriño lamenta que tanto PSOE como Unidas Podemos rexeitaran a totalidade das emendas presentadas polo BNG
O Bloque reclamaba soterrar o tren un tramo de 600m entre o Paso a Nivel e o Paseo do Louro e así comunicar o casco urbano coa zona verde do Louro para gañar unha gran plataforma en superficie de uso público que eliminaría a barreira que hai entre o centro da vila e o río.
“Non existen problemas técnicos que impidan levar a cabo esta proposta. Trátase exclusivamente de falta de vontade política por parte do goberno do Estado. Deberíaselle explicar á veciñanza do Porriño o porqué dese voto en contra, o Bloque defende a mesma solución para o paso a nivel fale no Porriño ou en Madrid”, declarou a responsábel local do BNG, Míriam Martínez, quen advertiu que “o BNG non se contentará cunha solución parcial que hipoteque as necesidades do Porriño do futuro”.
Pantallas acústicas
Desde o BNG apostamos polo Louro como o pulmón que O Porriño precisa. A concellaría de Urbanismo dirixida por Pedro Pereira vén de adquirir 20.000m2 que amplían esta zona verde. Para mellorar este espazo de lecer, outra das emendas presentadas polo Bloque demandaba a instalación de pantallas acústicas ao paso da autovía polo casco urbano para protexer da contaminación acústica, tanto polo paseo do río como cara ás vivendas próximas.
Máis emendas rexeitadas
Outras emendas rexeitadas contemplaban importantes inversións para a eliminación da contaminación por lindano, para rexenerar o espazo natural das Gándaras ou para conectar o polígono residencial de Torneiros coa autovía.