Roteiro guiado polo Faro de Budiño o próximo 18 de abril
O BNG do Porriño vai organizar este vindeiro 18 de abril unha ruta guiada ao Faro de Budiño. O obxectivo é unha posta en valor deste importantísimo espazo natural e histórico do Val da Louriña
Será unha actividade aberta e gratuíta a todas as persoas e realizarase o próximo sábado 18 de abril desde as 9,15h ata as 13h. O punto de comezo e de chegada será o Centro Cultural da Forna, na mesma parroquia e terá unha lonxitude de 8km.
O percorrido até o espazo natural ten obxectivo dobre. Alén de promover unha xornada de convivio, búscase poñer en valor este importante monumento natural e histórico da parroquia de Budiño. No Faro de Budiño podemos encontrar unha orografía singular que se levanta sobre un dos máis importantes eventos da historia xeolóxica galega, a Depresión Meridiana Galega, da que forma parte o Val da Louriña. Os bolos, domos e berrocos son as formacións rochosas que dominan este espazo.
O impacto paisaxístico do miradoiro natural sobre toda a Louriña vese aínda enriquecida polas importantes pegadas da nosa historia que podemos encontrar nesta zona. Un bo exemplo é que o Faro de Budiño é unha das localizacións dun dos castelos medievais que bordeaban o noso val.
A actividade será guiada polo Técnico en Educación Ambiental e membro do grupo municipal do BNG porriñés Marcelo Rodríguez. É un dos máximos coñecedores do Faro de Budiño, das súas singularidades naturais e tamén de todo o seu significado na historia do Val da Louriña.