O PP négase a demandar un soterramento ambicioso da vía do tren

Vía do tren ao seu paso polo Porriño
Vía do tren ao seu paso polo Porriño

A maioría do PP impide aprobar a moción do BNG que solicitaba acordar unha posición común do Pleno da Corporación Municipal. A forza nacionalista considera necesario ter unha postura única que se coloque en fronte do proxecto pouco ambicioso presentado por ADIF para o soterramento da vía do tren que atravesa o noso concello.

O PP négase a demandar un soterramento ambicioso da vía do tren

O proxecto que a día de hoxe contempla ADIF para O Porriño só valora soterrar a vía do tren nun tramo de 300m lineais desde a actual estación do Porriño, limitándose a eliminar o paso a nivel. Esta proposta hipotecaría o noso desenvolvemento urbano cunha solución parcial que o goberno que dirixe Alejandro Lorenzo está disposto a aceptar.

O BNG defende que o soterramento chegue, como mínimo, desde a propia estación até a entrada do Paseo do Louro, superando o cruce coa rúa Xogo da Ola. Gañaríase unha grande superficie para uso público sobre a vía soterrada e comunicariamos o centro da vila co río e con Torneiros,  eliminando a barreira artificiosa que a día de hoxe supón o paso do tren. Así o temos expresado tanto no Porriño como no Congreso dos Deputados a través de distintas iniciativas.

Non existen problemas técnicos que impidan levar a cabo un soterramento máis ambicioso. Trátase exclusivamente da falta de vontade política dos distintos gobernos do estado. Tanto PP como PSOE levan anos facendo política partidista con este tema. O prioritario para eles é ser o goberno que anuncie a supresión do paso a nivel, sen importar que a solución adoptada sexa un parche que hipoteque o futuro da nosa vila.

Manter a vía do tren ao seu paso polo centro incumpriría a propia Axenda Urbana 2030 que Alejandro Lorenzo vén de aprobar no Pleno, que inclúe reducir o impacto destas infraestruturas de comunicacións. O BNG quere negociar unha posición conxunta de grupos políticos e axentes sociais do municipio para defender en Madrid unha solución que atenda os intereses do Porriño.

 

 

O PP négase a demandar un soterramento ambicioso da vía do tren