O persoal do Centro de Saúde do Porriño transmítelle ao BNG a alarmante precariedade na que traballa
Demanda máis medios humanos e técnicos para dignificar a asistencia médica
O pasado 29 de novembro, membros do BNG reuníronse cunha representación dos traballadores do PAC do Porriño. No encontro relatáronnos a grave situación que atravesa o noso centro de saúde, con importantes carencias tanto de efectivos humanos como técnicos e materiais. Unhas deficiencias que afectan negativamente a asistencia médica, nunha zona cunha poboación crecente.
Concretamente transmitíronnos a necesidade urxente de dotar ao PAC do Porriño dun novo equipo de emerxencias, é dicir, un/ha novo/a médico e un/ha novo/a enfermeiro/a. Actualmente só hai dous equipos e é preciso que o Centro de Saúde do Porriño conte con tres, para que na quenda de tarde ou na fin de semana se garantan as atencións sen esperas longas, tanto nas emerxencias no propio centro como nas saídas a domicilios ao accidentes. Dada a poboación residente e o alto índice de sinistralidade da comarca, debido ao elevado número de empresas e a intensidade do tráfico rodado, é obvio que o actual cadro de persoal de emerxencias do Porriño é insuficiente.
O persoal denuncia tamén que o Centro de Saúde do Porriño presenta graves deficiencias nas instalacións: non hai espazo suficiente en urxencias para atender os doentes, o mobiliario é escaso e está deteriorado, as padiolas escangállanse polo exceso de uso e a súa idade, as cadeiras teñen o tapizado esnaquizado, etc. É moi deficiente tamén o servizo de limpeza, non hai persoal que traballe nas fins de semana, sendo os propios médicos e enfermeiros/as os que teñen que facer as tarefas de limpeza puntuais.
Como exemplo da deterioración progresiva dun centro médico que leva máis dunha década sen obras de reforma nin recambio no equipamento, o persoal relatounos a situación da sala de observacións. Este servizo médico foi reubicado no antigo cuarto de comunicacións do edificio. Os doentes que están en observación deben agardar a carón do cadro que contén as conexións eléctricas, telefónicas e da rede informática do inmoble. “Isto non é tolerable, xa que impide prestar unha atención sanitaria de calidade”, denuncia o BNG.
A todo isto hai que sumar a falla de espazo no edificio. Xa hai case unha década, cando gobernaba o BNG no Porriño, o concello aprobou a cesión dun terreo lindeiro para que a Xunta de Galicia acometera a ampliación do Centro de Saúde. Pero dende entón o goberno galego, sempre en mans do Partido Popular, desprezou o ofrecemento dos porriñeses e nunca acometeu a ampliación. Tampouco investiu na súa modernización nin no reforzo do equipo sanitario. O BNG leva anos denunciando a situación do PAC do Porriño e demandando por todas as vías posibles a reforma e renovación do Centro de Saúde, pedindo máis pediatras, máis equipamentos para o diagnóstico, máis especialidades médicas, etc., etc.
Estas son as demandas concretas dos traballadores sanitarios do Centro de Saúde do Porriño. Pero as súas peticións súmanse ao clamor xeral de todo o persoal sanitario de atención primaria de Galiza, que nestes días denunciou publicamente o mal estado do servizo sanitario galego. Unhas denuncias que se traduciron na dimisión en bloque dunha vintena de xefes de servizo da área sanitaria de Vigo.
Ademais da reivindicación de máis persoal e medios para atender como merece a poboación galega, os traballadores do servizo de Atención Primaria presentáronlle ao BNG demandas específicas da súa situación laboral que non se atenden dende o Goberno Galego dende hai moitos anos. Concretamente piden que haxa paridade no persoal sanitario; que non se penalicen as baixas ou os permisos retribuídos; que se respecte a xornada laboral, diferenciando a xornada ordinaria da complementaria; que se desconxelen os complementos de nocturnidade e festividade que teñen recoñecidos dende o 2008 e están conxelados dende o 2010, que se lles aboe así mesmo a integridade do salario ao que teñen dereito, etc.
Que estas demandas sigan sen ser atendidas é unicamente responsabilidade do goberno do Partido Popular, que prioriza os convenios privados sobre o servizo público de saúde. O BNG subscribe e apoia plenamente as demandas laborais e de servizo que fan os traballadores da sanidade pública galega. Esiximos que dunha vez por todas se amplíe o Centro de Saúde do Porriño, que se dote dos equipos humanos e técnicos necesarios para ofrecer unha atención sanitaria digna aos veciños do Porriño e da súa contorna. O noso pobo non merece que o PP desprece deste xeito as súas demandas.