Pereira pide o voto polo BNG como garantía para que O Porriño avance
O candidato nacionalista asegurou que a lista do BNG é a alternativa real ao PP no Porriño. “Cando a xente deposita a confianza no BNG, non defraudamos”, declarou en relación aos comportamentos irresponsables das forzas políticas que facilitaron a chegada á Alcaldía de Alejandro Lorenzo sen contar o PP con maioría no pleno.
Pedro Pereira fixo un chamamento ás persoas indecisas para que confíen este 28 de maio no BNG. “As persoas que levades O Porriño no corazón e queredes unha vila mellor para vivir e traballar podedes confiar no Bloque. Temos demostrado coherencia, rigor e capacidade de goberno en circunstancias adversas. Agora queremos impulsar desde a Alcaldía, con máis forza, o modelo BNG. Se somos nós quen lidera un goberno alternativo ao PP, sempre vai ser máis transformador, con máis avances”, afirmou no acto central da campaña do Bloque que se celebrou no barrio de San Bieito, humanizado polo propio Pereira cando dirixía a concellaría de Urbanismo.
O Porriño merece un Alcalde capaz de reclamar ante outras administracións o que nos corresponde como pobo, libre dos intereses que a outros lles impiden facelo. Un goberno do BNG esixirá ante ADIF un soterramento do paso a nivel amplo que rompa a división que a vía do tren provoca no centro da vila, e traballará desde o Concello no traslado do matadoiro, para integrar a zona de lecer do Louro co casco urbano.
Hai que seguir avanzando na recuperación de espazos públicos, tamén nas parroquias e nos barrios, e incrementar a presenza vexetal en rúas e prazas para achegar máis benestar á veciñanza. Defendemos un concello transparente e participativo, con mellores servizos, que funcione e no que non se malgasten recursos. Apostamos polo público e queremos igualdade real, un concello que traballe da man do movemento asociativo local e blinde as políticas sociais para garantir dereitos, para que ninguén quede atrás. Temos que pór en valor a nosa historia e o noso patrimonio, e contar cunha programación cultural variada e de calidade.