Pedro Pereira será o candidato do BNG no Porriño

A asemblea local do BNG no Porriño escolleu por unanimidade a Pedro Pereira como o candidato a alcalde para as eleccións municipais de maio do 2023

Pedro Pereira será o candidato do BNG no Porriño

“Temos un proxecto ambicioso, pensamos O Porriño en grande, coas persoas no centro, e Pedro é a persoa máis acaída para o liderar. Ten un profundo coñecemento da administración local, capacidade de traballo e de diálogo, e unha solvencia demostrada na xestión que mesmo recoñecen os nosos adversarios políticos. Protagonista da transformación urbana do Porriño coa súa aposta polas peonalizacións, sempre ten na cabeza O Porriño do futuro. É o mellor concelleiro da historia do Porriño e no BNG pensamos que chegou a hora de Pedro Pereira alcalde”, declarou a responsábel local, Míriam Martínez, quen quixo destacar tamén “o seu compromiso co Bloque e co ideario nacionalista, especialmente en contextos complexos e difíciles na localidade, onde sempre soubo estar á altura”.

“Quero poñer de novo o Concello ao servizo da xente, das maiorías sociais. Encóntrome nun momento óptimo de madurez política e síntome capacitado para afrontar o gran reto de chegar á alcaldía. Asumo con orgullo esta responsabilidade e agradezo a confianza dos compañeiros e compañeiras”, afirmou Pedro Pereira, que asegurou que como alcalde defenderá sempre os intereses do Porriño “por riba de todo e sen ataduras”.

“Estamos no mellor momento da historia do BNG, temos o mellor candidato e queremos acoller e recuperar o voto desencantado da esquerda. Aspiramos a todo, somos unha forza política sólida, rigorosa, con equipo, e a xente sabe que se nós lideramos un goberno alternativo ao PP vai ser máis transformador, con máis impulso, con máis avances. Canto máis BNG, mellor lle irá ao Porriño”, concluíu a responsábel local do Bloque.

Pedro Pereira será o candidato do BNG no Porriño