Pedro Pereira: “Alejandro Lorenzo négase a debater porque non ten proxecto de futuro para O Porriño”
O BNG defende o debate político como ferramenta democrática para contrastar as propostas dos distintos grupos
O debate entre persoas candidatas que Radio Vigo Cadena Ser quería organizar no Salón de Plenos do Porriño non se vai celebrar pola negativa a participar do candidato do PP. Alejandro Lorenzo é un Alcalde sen proxecto, que vende como seu o que xa estaba iniciado e que non aproveitou a boa situación económica herdada para mellorar O Porriño. Un balance pobre neste ano e medio á fronte do Concello. Lorenzo agóchase detrás da propaganda e da publicidade institucional para non ter que dar a cara. “Con gastar en festas, limitarse a xestionar o día a día e agardar polos anuncios da Xunta non chega”, sinalou o candidato do BNG, que denunciou o uso partidista que o PP fai das institucións alí onde goberna “a Xunta acórdase do Porriño agora que ten Alcalde do PP”.
O Porriño merece máis. Hai que planificar o futuro con ambición e afrontar os grandes retos que temos como pobo. Traballar no traslado do matadoiro e no soterramento da vía do tren para deixar de vivir de costas ao Louro, continuar coas humanizacións no centro e levalas tamén aos barrios e ás parroquias, incrementar a presenza vexetal en prazas e rúas, contar cun novo auditorio, mellorar a participación veciñal e non malgastar recursos públicos para mellorar en gasto social. “No Bloque coñecemos as necesidades do Porriño e non temos medo a confrontar as nosas propostas con ninguén”, declarou Pereira.
A sociedade porriñesa aprecia que o BNG ten proxecto de vila para O Porriño e sabemos que, independentemente da ideoloxía de cada quen, valora positivamente a nosa acción de goberno. A xente identifícase no modelo BNG e quere seguir avanzando nesa dirección. “Queremos facer do Porriño un lugar máis atractivo para vivir e traballar. A xente sabe como gobernamos, temos un proxecto definido que nos vai permitir actuar inmediatamente a partir do 28 de maio. Fomos protagonistas dos grandes avances do Porriño e queremos seguir transformando en positivo o noso concello”, defendeu o candidato do Bloque.