Alejandro Lorenzo rexeita explicar o fracaso da política de vivenda no Porriño
O Alcalde négase a dar explicacións no Pleno sobre a situación real dos proxectos anunciados para a construcción de vivenda pública ou sobre o fracaso do programa de rehabilitación dos pisos de Torneiros. Para o BNG son asuntos de importancia para o municipio sobre os que o Bloque solicitou unha petición de comparecencia no Pleno que Lorenzo rexeitou.
O BNG afea que o Alcalde non informe no pleno sobre asuntos cruciais para O Porriño e que tampouco asista ás comisións informativas previas ás sesións plenarias. O seu substituto, o portavoz do PP, non responde as preguntas que a oposición lle formula sobre os expedientes.

“A desinformación é total máis alá dos anuncios mediáticos. Lorenzo fai absentismo das súas funcións como Alcalde para ocuparse en exclusiva da súa campaña persoal de publicidade e propaganda”, afirmou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira, quen quixo lembrar a nula política de vivenda do PP no Porriño. “Moito anuncia, pero o PP leva 17 anos na Xunta sen construír unha soa vivenda publica no Porriño. As últimas executadas foron as que o goberno bipartito entregou o ano 2009 en Torneiros”.
O Bloque solicitou tamén que Lorenzo fixera público cantas vivendas se acolleron ás axudas de rehabilitación integral nos polígonos residenciais de Torneiros. “Preguntamos polo estado de execución do programa e pedimos explicacións pola pouca acollida desta liña de subvencións. O que foi anunciado como unha gran transformación desta importante área de poboación quedou en nada. Novamente, recursos públicos dilapidados, unha oportunidade perdida, un fracaso que desde o BNG xa advertimos unha vez coñecemos as condicións que se lles esixían ás comunidades de persoas propietarias para poder acollerse”, sinalou Pedro Pereira.
Lorenzo quere asfixiar a democracia dentro do concello amparándose na súa maioría absoluta. Os expedientes están as máis das veces incompletos e o goberno pon atrancos para que se poida acceder a eles. O alcalde négase a debater nada coa oposición; limitou tempos de intervencións e o número de inciativas que se pode presentar no Pleno, cando debera ser o máximo órgano de participación democrática. Os nacionalistas recordan que están alí representando unha parte importante da sociedade porriñesa. “O BNG, como primeira forza da oposición, non vai calar ante esta actitude intolerante por parte dun Alcalde que está a atentar contra a convivencia e a pluralide política, só interesado nos “likes” das publicacións que fai desde as redes oficias do concello”.