Unhas Festas do Cristo do Porriño cheas de polémica
As festas do Cristo no Porriño levantaron moita controversia este ano por diferentes motivos. O BNG valora negativamente o modo de facer política de Alejandro Lorenzo e o seu excesivo desexo de protagonismo.
As festas da vila do Porriño foron presentadas como unha oportunidade de lecer para todas e todos, pero a vila anegouse de eventos mal organizados, con actuacións nocturnas programadas en días laborábeis que provocaron molestias á veciñanza e ás persoas traballadoras. O BNG entende que a orixe deste conflito provén do modelo de lecer que leva impulsando o PP dende a chegada de Alejandro Lorenzo á alcaldía e da súa principal preocupación, que é o impacto da acción política nas redes sociais, en detrimento do dereito ao descanso e á convivencia das persoas que viven no concello.
O impulso de macro-concertos na beira do río tivo como resultado encher un espazo natural de plásticos incumprindo a lexislación vixente, tal e como denunciou nesta mesma semana a asociación ecoloxista Verdegaia nun comunicado no que rompe a colaboración co Concello. A defensa do entorno do río Louro por parte do goberno queda desmentida con este tipo de actitudes: manifesta unha actitude e fai a contraria. Durante os traballos previos á celebración do Negrita Festival, o goberno do PP volveu atentar contra o patrimonio natural, xa denunciado o ano pasado polo BNG, esparexendo o lixo e especies invasoras no medio.
A invasión do lixo é unha constante en varias zonas da vila, tanto onde se desenvolveron actuacións musicais coma nas súas contornas. “Nunca parte do centro do Porriño presentou un estado tan desleixado. A festa, o grande lema de goberno de Alejandro Lorenzo, non pode ser a escusa para converter O Porriño nunha vila inhabitable”, denuncia o portavoz da forza nacionalista.
Estas foron, segundo o bloque, unhas festas cunha organización moi mellorable nas que foi habitual a programación de actos solapados: “Isto é un claro despropósito, que se coloca na liña de malgasto sen límite que caracteriza ó noso alcalde”, ademais da repetición de orquestras dos máis altos cachés do país que volven facturar ás arcas públicas.
Ademais, a Policía Local tivo que intervir no conflito aberto entre o Concello e as/os feirantes. “Dun administrador público espérase que resolva problemas, non que os cree. Se a documentación non estaba en regra, tal e como a administración local refire e en contra do que o colectivo de feirantes afirma, deberíase impedir a súa instalación ou facerlle o requirimento desta con antelación”, advirte Pedro Pereira, portavoz do BNG.
Tamén foron recorrentes as queixas da veciñanza sobre o abusivo consumo de alcol entre menores e os actos incívicos asociados a este en diferentes eventos organizados polo Concello. “Os cartos públicos están para servir a totalidade da cidadanía e é cuestionable que se empreguen nun modelo de lecer que funciona como un encontro de macrobotellón”.