O Concello do Porriño non tramitou a subvención para as traídas de augas
O grupo municipal do Bloque preguntou no Pleno da Corporación Municipal pola situación na que se atopa a liña de subvencións das traídas de augas no Porriño. Estas axudas dependen do goberno que dirixe Alejandro Lorenzo e aínda non se convocaron.
O goberno local conta con partida económica dentro do orzamento prorrogado en vigor para poñer en marcha as subvencións destinadas tanto ao mantemento como a investimentos nas traídas de augas. Deste modo, non existen motivos técnicos ou económicos que xustifiquen o atraso na convocatoria das axudas para as comunidades de auga parroquiais.
Cando o BNG gobernou, impulsou unhas axudas ás comunidades de augas parroquiais porque entende que debería ser unha prioridade para o Concello do Porriño colaborar cos gastos que soportan as traídas ao xestionar, desinteresadamente, un recurso que beneficia a veciñanza.
A forza nacionalista reclamou no pleno municipal ao goberno do PP que se publique canto antes a convocatoria, para facilitar así que as distintas comunidades teñan o tempo suficiente para presentar solicitudes e xustificar gastos. Recordáronlle tamén a Alejandro Lorenzo que a publicidade na prensa e nas redes do PP destas axudas xa a fixo no mes de setembro, isto é, hai máis de oito meses.