O Concello do Porriño incumpre a normativa europea para a compostaxe
O BNG do Porriño advírte á administración do PP que debe cumprir a directiva da UE sobre a implantación da recollida diferenciada da materia orgánica.
O 31 de decembro de 2023 foi a data límite establecida dende a UE para a implantación da recollida diferenciada de materia orgánica nos concellos para procesos de compostaxe. O obxectivo desta normativa é mellorar a calidade de vida das persoas dos territorios europeos ó reducir considerablemente a emisión de gases de efecto invernadoiro e valorizar o “lixo” coma un recurso beneficioso destinado, nomeadamente, á recuperación dos solos tras os incendios forestais e á recuperación das canteiras.
O BNG do Porriño presentou un rogo no último pleno para que a administración de Alejandro Lorenzo implante medidas reais coas que cumpran coa lexislación europea e galega. O BNG denuncia que non hai contedores marróns suficientes nas rúas, que só hai unha illa de composteiros en San Sebastián, cun funcionamento mellorable; e que as persoas non saben que hai que facer a recollida diferenciada. “Deste modo, O Porriño está a incumprir a lexislación galega e europea. E non hai intención de que mellore esta situación. Por iso, no pleno desta semana fixemos un rogo para solicitar que se apliquen medidas efectivas”, afirma Marcelo Rodríguez, concelleiro do Porriño.
A forza nacionalista solicitou a colocación de máis contedores marróns, máis illas de composteiros e novas campañas de información sobre xestión da materia orgánica. “As campañas deben dirixirse ó ámbito escolar, ó asociativo nas parroquias e no centro, e nas rúas con diferentes formatos de información. O Concello non pode seguir incumprindo unha lexislación fundamental para o benestar de todas e todos. O Porriño non pode continuar a ser un dos poucos concellos que non priorizan a compostaxe”.