O BNG reclama soterrar as redes eléctricas e de telecomunicacións no Porriño
O Bloque chama a mellorar a seguridade e minimizar o impacto visual do sistema de cables instalado en fachadas. Considera especialmente sensible o caso do patrimonio histórico e das zonas peonís afectadas.
O grupo municipal do BNG presentou unha moción instando o goberno municipal a elaborar unha ordenanza municipal reguladora da instalación de redes aéreas e soterradas de telecomunicacións e subministro eléctrico. A proposta do Bloque contempla a necesidade dunha disposición transitoria para estabelecer prazos. Tamén recolle a necesidade de facilitar a adaptación das empresas e un réxime sancionador, no caso de incumprimento.
“As redes de telecomunicacións e de subministro eléctrico son, na actualidade, imprescindíbeis para a actividade económica comercial e empresarial, así como para a vida cotiá das persoas. Pero non podemos aceptar que alí onde existe alternativa, tanto no casco urbano como nas parroquias, se sigan a empregar como soporte as fachadas das vivendas”, sinalou o concelleiro do Bloque, Pedro Pereira. O portavoz da forza nacionalista indicou que as empresas só están a empregar parcialmente as canalizacións existentes, polo que o BNG considera necesario regular esta actividade cunha ordenanza.
“A instalación da rede de fibra óptica debería significar a eliminación do antigo sistema de cables e o soterramento do novo. Pola contra, estase a incrementar o volume de cable á vista polo maior número de operadoras”, denuncia Pedro Pereira. O concelleiro do BNG pediulles, neste sentido, responsabilidade ás empresas. “Non é de recibo que o Concello deixe preparadas as canalizacións para as redes de electricidade ou telecomunicacións e as empresas, por comodidade, non soterren os cables”, afirmou.