O BNG reclama retomar as negociacións para o traslado do matadoiro
O debate sobre os cheiros está superado, está ben esixirlle á empresa que minimice o impacto da súa presenza no centro urbano pero desde o BNG entendemos que chegou o momento de asumir a necesidade real do traslado do matadoiro.
Tras visitar as instalacións e trasladarlle á dirección local de Coren o malestar da Corporación, o BNG reclama ao goberno local unha reunión dos grupos municipais co presidente do Grupo Coren, Manuel Gómez Franqueira, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, para iniciar as negociacións que faciliten o traslado. Desde o Bloque pedimos que tamén representantes do Comité de Empresa participen do proceso. Temos que colaborar todos e todas, administracións, partidos e axentes sociais, e procurar que o traslado non afecte ao mantemento dos postos de traballo.
Cando o BNG gobernaba no Porriño e xestionaba a área de Industria do goberno bipartito na Xunta, iniciáronse conversas coa empresa, que mesmo chegou a adquirir terreos que facían pensar nun novo emprazamento. Estas negociacións foron paralizadas coa chegada do PP á Xunta e ao Concello.
No Bloque defendemos a recuperación integral do río Louro para a xente, que non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual. Chegou o momento de afrontar un debate de tanta importancia para o futuro do Porriño. O desenvolvemento urbanístico da nosa vila e a súa comunicación con Torneiros non poden estar condicionados por unha localización que a día hoxe non atende a ningún criterio lóxico. Nin desde o punto de vista medio ambiental nin pola súa proximidade coas vivendas do casco urbano.