O BNG reclama reducir ruídos para combater a contaminación acústica no Porriño
O grupo municipal do BNG presenta unha moción na que se solicita elaborar un mapa de ruídos. Este usaríase para avaliar a calidade acústica e delimitar decibelios, segundo a densidade poboacional. É un plan de acción para deseñar, xunto co tecido asociativo local, estratexias para reducir a contaminación acústica e descentralizar eventos; solicitar a colocación de pantallas absorbentes nos tramos das autovías A-55 e A-52 próximos ás vivendas; e un regulamento para o uso da pirotecnia nas festas.
A saturación acústica á que se ve sometido O Porriño a cotío, nomeadamente o centro e a contorna da Praza Arquitecto Antonio Palacios, ou o descontrol de decibelios nas festas e eventos deportivos e populares sen mediar ningún tipo de control é tal que supera os valores admitidos pola lexislación vixente e vulnera o dereito á calidade de vida das persoas viven nas zonas afectadas. Desde o BNG, defendemos outro modelo e apostamos por unha vila tranquila e agradábel para vivir.
“Con Alejandro Lorenzo reapareceu o ruído na vila e a convivencia na localidade comeza a degradarse. A oferta cultural e de lecer está centrada na festa, cun incremento de comportamentos incívicos que está a transformar O Porriño nunha vila máis insegura, suxa e ruidosa. Non se ten en conta o dereito ao descanso das persoas que aquí vivimos e as constantes restricións no acceso ás vivendas ou a ocupación constante do espazo público prexudican a mobilidade e o pequeno comercio. Debe ser que como o alcalde non vive no Porriño non sofre as consecuencias dos eventos dos que tanto gosta organizar”, afirmou o concelleiro do BNG, Marcelo Rodríguez Acosta.
Pantallas acústicas
Tanto a A-55 como a A-52 soportan un alto grao de tránsito lixeiro e pesado que xeran ruído nas vivendas do núcleo urbano que están nas inmediacións destas dúas vías de alta capacidade. “Desde o BNG levamos anos reclamando, mediante emendas aos orzamentos do Estado de gobernos tanto do PSOE como do PP, paliar esta situación coa instalación de pantallas absorbentes. Entendemos que un acordo unánime do Pleno da Corporación axudaría a reclamar xuntos en Madrid o que é unha xusta demanda do Porriño”, rematou o concelleiro do Bloque.