O BNG reclama modificar o PXOM en Torneiros ante a ameaza do Centro de Transportes
O Pleno aprobou este mércores unha iniciativa presentada polo Bloque solicitando o compromiso dos grupos políticos para modificar o PXOM nos polígonos onde Consorcio Zona Franca de Vigo (CZFV) proxecta construír o Centro de Servizos ao Transporte, e non contemplar usos industriais e loxísticos nestes espazos. A Corporación Municipal acordou por unanimidade o pasado mes de abril, posicionarse en contra da execución desta infraestrutura na localización prevista en Torneiros, polo que entendemos preciso avanzar nun novo modelo de ordenación nesta zona. O BNG ten defendido sempre protexer urbanísticamente este lugar. No seu momento presentamos alegacións ao PXOM aprobado pola dereita do Porriño no 2003, e que hoxe continua en vigor, para evitar que os terreos máis próximos ás vivendas fosen contemplados como industriais.
Desde o Bloque acusamos ao alcalde de buscar saír na foto pero non facer nada do que ten na súa man para protexer Torneiros desta ameaza para a vida da parroquia. O goberno do PP non iniciou os trámites para impulsar desde o Concello do Porriño a declaración do río Louro e os seus regos Laxes e Fonteliño como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). Incumpren así o acordo plenario conseguido a instancias do BNG no mes de maio, e que contaba con partida orzamentaria para encargar o estudo necesario para solicitar a ENIL ante a administración autonómica.
Esta figura de protección ambiental que outorga a Xunta de Galicia permitiría poñer en valor a conca do río Louro, un espazo natural singular que se pode ver afectado pola construción dun centro de transportes que o degradaría por completo. A iniciativa presentada polo Bloque abarca o tramo desde o paseo do río ao seu paso polo casco urbano até as Gándaras de Budiño, co fin de crear un corredor ecolóxico de flora e fauna asociado ao Louro e á riqueza dos seus ecosistemas.