O BNG reclama unha mellor atención cara ó patrimonio do Porriño
A colocación dos contedores do lixo formulada polo goberno de Alejandro Lorenzo é un exemplo da desprotección ó patrimonio porriñés, tamén o incumprimento do acordo para negociar a compra de Villa Florida ou da lexislación sobre memoria histórica.
En 2003, o edificio ecléctico e centenario de ‘Villa Anastasia’ do Porriño saltou á prensa por formar parte do catálogo de elementos patrimoniais para protexer pola administración local. Foi un informe elaborado polo profesor de historia xa falecido Xosé Ramón Iglesias Veiga e durante o goberno do BNG. Esta forza nacionalista denuncia agora a colocación dos contedores de lixo fronte ó inmoble por non respectar a súa singularidade. "A protección que impulsou o bloque no 2003 non ten eco na administración actual rexida polo alcalde do PP, Alejandro Lorenzo. A colocación dos contedores no frontal de ‘Villa Anastasia’ é unha mostra de falta de consideración do patrimonio porriñés inxustificable", afirma Pedro Pedreira, concelleiro do BNG porriñés.
A forza nacionalista sinala a incongruencia do PP local cando anuncia o arranxo do templete de Antonio Palacios con recursos do goberno galego mentres desde o ámbito municipal descoida as súas responsabilidades. No mes de febreiro do 2022 o PP apoiou no pleno unha iniciativa do BNG para que o Concello comprase unha edificación singular porriñesa, Villa Florida, e así investir recursos en conservar o noso patrimonio arquitectónico e destinalo a un uso cultural para desfrute de visitantes e da veciñanza. "Dous anos despois, non sabemos nada do proceso de compra de Villa Florida, como de tantas promesas de Alejandro Lorenzo que non se refiran a festas", denuncia Pereira.
E este non é un caso illado; co financiamento da segunda liña da Deputación de Pontevedra dirixida, no 2022, polo PSOE, para retirar simboloxía franquista, o PP restaurou o conxunto etnográfico de Pousadela, en Pontellas. O BNG denunciou nese momento e no pleno a calidade da obra e a non retirada da simboloxía fascista. No seu lugar, esta foi limpada e conservada, incumprindo o fin da subvención. O concelleiro do BNG expón que "dous anos despois, seguen o xugo e as frechas fascistas no patrimonio porriñés. Un caso grave e inxustificable, mostra da falta de sensibilidade histórica e patrimonial".