O BNG reclama máis concreción para apoiar inversións necesarias no Porriño
Opuxémonos a que o Concello solicitase un crédito de 9 millóns de euros, a metade do orzamento municipal, que hipotecaba o futuro do Porriño a medio prazo. Unha nova operación publicitaria por parte de Alejandro Lorenzo que pretendía endebedar o Concello sen presentar nin os proxectos nin os convenios necesarios con outras administracións para anunciar obras de saneamento, vivenda social e supresión do paso a nivel.
Non hai presentado ningún proxecto concreto de saneamento e o PP non impulsa os que o BNG deixou en marcha e con partida no Picouzo e na Devesa, en Budiño. Tampouco existe ningún expediente iniciado para a construción de vivenda social. Non se fixo público ningún convenio coa Xunta neste sentido nin sabemos a localización, o prezo das parcelas ou o número de vivendas a executar. Nada sabemos a día de hoxe do convenio a asinar con ADIF e das condicións do soterramento da vía do tren ao seu paso polo casco urbano. Desde o Bloque emprazámolo a que defenda os intereses do Porriño negociando un soterramento ambicioso que non se limite a suprimir o paso a nivel e que permita conectar o centro da vila coa zona verde ao carón do río Louro.
O alcalde pretendía ter un cheque en branco para pagar con cartos públicos os anuncios da súa campaña política particular e o BNG non llo vai permitir. Si estamos dispostas a tenderlle a man ao goberno para facilitar a aprobación de proxectos concretos de interese xeral, que teñen que levarse ao pleno con seriedade, que redunden na mellora da calidade de vida da cidadanía e beneficien as maiorías sociais.
Precisamos menos propaganda e unha alcaldía que xestione mellor e defenda os nosos intereses ante outras administracións. Alejandro Lorenzo está a demostrar non estar á altura da responsabilidade que supón gobernar un concello como O Porriño. Limitarse a xestionar o día a día, programar festas e sacarse fotos non chega, hai que afrontar con responsabilidade os grandes retos que temos como pobo.