SEGURIDADE VIARIA
O BNG pide colaboración entre Mos e O Porriño para atallar o caos de tráfico en Sanguiñeda
A apertura dunha nova área comercial supuxo un incremento das retencións que xa se viñan rexistrando dende hai anos na contorna da rotonda das Angustias.
Os grupos municipais de ambos concellos solicitan un plan de tráfico conxunto e o establecemento de limitacións para futuras áreas industriais e comerciais.
Os consellos locais do BNG de Mos e do Porriño mantiveron unha reunión conxunta para falar sobre as retencións de tráfico en Sanguiñeda. Este é un problema que afecta a ambos concellos dende hai anos e que se viu acentuado nas últimas semanas coa apertura dunha nova área comercial de grandes dimensións.
O portavoz nacionalista no Concello de Mos, Gustavo Barcia, advirte de que “o volume de vehículos se verá incrementado, previsiblemente, nos próximos meses”, xa que aínda non abriron todos os negocios proxectados na parcela, situada nas inmediacións da rotonda do Costilleta. Indica, ademais, que se trata dunha zona “especialmente sensible” pola proximidade das incorporacións ás autovías A-52 e A-55, así como a saída norte do centro urbano do Porriño.
A solución pasa, necesariamente, en opinión do portavoz do BNG no Porriño, Pedro Pereira, “pola imprescindible coordinación entre os dous concellos para mellorar a mobilidade do tráfico desa zona”. Por este motivo, ambos grupos municipais acordaron presentar, en cadanseu pleno, unha moción na que se solicitará a elaboración dun plan de tráfico conxunto para a zona afectada. Do mesmo modo, tamén se insta aos gobernos municipais a solicitar, con carácter inmediato, unha reunión co Ministerio de Transportes.
Outras medidas solicitadas dende o BNG son a reforma dos pasos peonís, a mellora do alumeado público ou o desvío do tráfico pesado que actualmente atravesa as zonas residenciais da contorna das Angustias – Sanguiñeda, Avda. De Galicia, Ramiráns e Progreso. Ademais, á acumulación de tráfico na zona das Angustias engádeselle, no caso do Porriño, o prexuízo que causa a falta de enlaces. Son un problema tanto a unión coa A55 para os tránsitos lixeiros e pesados que circulan pola N55 cara a A55, dirección Tui ou Vigo; coma o enlace coa PO-331 do tráfico procedente de Torneiros, Pontellas, Mosende e Chenlo.
Preocupación veciñal
Nunha recente reunión coa veciñanza de Sanguiñeda, o grupo municipal do BNG de Mos puido constatar a crecente preocupación polo colapso dos accesos ás superficies comerciais e tamén pola extensión dos problemas de seguridade viaria a outras rúas da contorna, como a Avenida de Sanguiñeda ou a Estrada Segundo Pampillón.
Gustavo Barcia acusa ao PP de Nidia Arévalo de “facer oídos xordos” ante as protestas. Na súa opinión, “os problemas de tráfico teñen a súa orixe, en boa medida, no comportamento neglixente dun goberno máis preocupado por satisfacer intereses particulares e especulativos que pola calidade de vida da veciñanza”. O BNG proporá no pleno de Mos a posibilidade de introducir modificacións no PXOM para limitar o desenvolvemento de solo urbano terciario e industrial nunha zona xa saturada. Os concellos do PP de Mos e do Porriño están a facer un uso dos espazos sen deseñar nin prever as necesidades que estes esixen, o que produce todos os problemas cos que nos estamos a encontrar.