O BNG pide abrir negociacións para aprobar un regulamento de participación cidadá no Porriño
O grupo municipal nacionalista rexistra unha moción solicitando que sexa convocada a comisión encargada da súa redacción.
O Bloque defende abrir o proceso máis alá dos grupos políticos para garantir a participación do asociacionismo e da cidadanía en xeral.
“Queremos que se fagan cumprir os acordos plenarios”, declarou a concelleira Míriam Martínez, que defenderá a iniciativa do Bloque. “O Pleno, onde está representado o conxunto das veciñas e veciños, aprobou na pasada lexislatura elaborar un regulamento de participación e o goberno, a pesar de ter votado o PP a favor no seu momento, non fixo nada ao respecto. No BNG levamos tempo traballando este tema e mantivemos distintas reunións co asociacionismo local. Temos unha proposta completa de regulamento, pero entendemos que debe ser negociado entre todos e todas, polo que solicitamos que se inicie un proceso aberto á participación veciñal que nos leve a poder contar a curto prazo cunha ferramenta necesaria para avanzarmos en dereitos”, sinalou a concelleira do BNG.
A proposta do BNG contempla a creación de consellos sectoriais ou parroquiais e regula a posibilidade de que a veciñanza poida presentar iniciativas nos plenos, participar na elaboración dos orzamentos ou votar en consultas populares sobre aspectos de interese local. “Un concello da dimensión do Porriño non pode permanecer alleo á necesidade de incorporar mecanismos que regulen e garantan a participación veciñal, declarou a concelleira do Bloque, que puxo como exemplo a necesidade de crear un Consello da Cultura para coordinar toda a actividade cultural do municipio, “un foro no que o tecido cultural local e as asociacións poidan debater, ter voz e participar das políticas culturais do Porriño, máis alá do ordeno e mando actual”, sinalou.
Desde o grupo municipal do BNG non queremos deixar de denunciar o que entendemos como unha actitude pouco democrática do alcalde, impedindo que se debatan no pleno mocións de urxencia, ou convocando as sesións en horarios que dificultan a conciliación e o normal traballo da oposición, así como a participación da veciñanza. “O PP cre que o concello é da súa propiedade, como xa demostrou Alejandro Lorenzo no propio pleno da súa investidura, no que reservou espazo no salón para os seus familiares e amigos en detrimento do libre acceso da veciñanza e impediu o dereito a intervir da oposición”, indicou a concelleira nacionalista. Martínez defende a pertinencia da iniciativa do Bloque, “ante un alcalde que confunde maioría absoluta con absolutismo”, e que ten dúas caras, “unha amable en público cando bica e aperta xente para subir nas redes sociais, e outra intransixente e autoritaria en espazos acoutados ante calquera diverxencia política”.